O PSdeG de Ourense presenta unha vintena de emendas aos orzamentos da Xunta

OurenseXa
Consideran que os orzamentos previstos para Ourense están cheos de “promesas incumpridas” e “cronifican o colapso sanitario, a dependencia e a carestía en materias como a vivenda”
natalia-gonzalez-carmen-rodriguez-dacosta-psoe-ourense
6 Nov 2025

O PSdeG de Ourense presenta unha vintena de emendas aos orzamentos da Xunta que consideran que os orzamentos previstos para Ourense están cheos de “promesas incumpridas” e “cronifican o colapso sanitario, a dependencia e a carestía en materias como a vivenda”.

As socialistas ourensás anunciaran este xoves a presentación dunha batería de emendas aos orzamentos autonómicos de 2026, que, segundo denuncian, “cronifican o colapso sanitario, a dependencia e a carestía en materias como a vivenda”. A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, e a secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González Benéitez, compareceron ante os medios para detallar as propostas do partido e a súa alternativa ao proxecto económico do Executivo galego.

Rodríguez Dacosta asegurou que os orzamentos aprobados polo Goberno de Alfonso Rueda son “un puro exercicio de propaganda”, e lamentou que “reiteran partidas, ano tras ano, que quedan sen executar”. Neste sentido, puxo como exemplo o Plan Director do CHUO, “que leva dotándose de orzamento desde 2023 e as obras avanzan a paso de tartaruga”, ou a circunvalación de Benposta, cunha partida de 1 millón este ano e “outro 1,5 millón para volver a iniciala en 2026”.

Tamén citou a inclusión dunha “partida de 2 millóns de euros para o novo edificio da Xunta na cidade que volve ser o novo edificio para 2026 porque nin unha pedra se colocou aínda”, e criticou que “Ourense non recibira nin un só euro do fondo interterritorial, cando somos a provincia e a cidade que máis o necesita”.

Ante este panorama, as socialistas presentarán unha vintena de emendas que, segundo González Benéitez, buscan “situar a cidade no lugar que lle corresponde e poñer fin ás eternas necesidades que a Xunta de Galicia non atende”. A dirixente subliñou que “non pedimos privilexios, senón xustiza e equilibrio territorial”, e destacou que se trata dun “plan viable” para corrixir os desequilibrios en sanidade, educación, termalismo, vivenda, transporte e deporte.

Entre as propostas, González Benéitez sinalou algunhas novidades como a petición de que “a Xunta se comprometa cos proxectos recentemente incluídos no Plan Edil do Goberno de España”, que prevé un investimento de máis de 9 millóns de euros en Ourense, para cuxa cofinanciación reclaman a participación do Executivo galego.

No ámbito sanitario, as emendas inclúen a dotación orzamentaria necesaria para que a unidade de ictus 24 horas do CHUO sexa “integral e real”, así como a creación dunha unidade de xeratría especializada na cidade con maior envellecemento de Galicia. Ademais, esixen a construción dos centros de saúde de O Vinteún e Mariñamansa, “que seguen sen aparecer nestes orzamentos”.

As socialistas tamén reprochan que “a capital termal de Galicia non dispoña dun só euro, ano tras ano, para investir nun dos seus maiores recursos naturais”, e lembraron a promesa incumprida dun hotel balneario na cidade.

Outras demandas incluídas nas emendas son a reactivación do Casco Histórico, a reforma integral da rúa do Progreso, a aposta polo Espazo Xove, a mellora das instalacións deportivas como o estadio de O Couto e o pavillón de ximnasia, así como a cofinanciación co Concello de Ourense para abrir os colexios públicos en horario non lectivo, facilitando a conciliación das familias.

⚙ Configurar cookies
0.076279878616333