O PSdeG de Ourense propón acometer unha reforma integral da rúa Pena Trevinca e piden a Concello “deixar os parches”

O Grupo Muncipal Socialista no Concello Ourense propón acometer unha rehabilitación “integral, definitiva e sostible” da rúa Pena Trevinca logo da grave avaría rexistrada fai uns días tras abrirse unha gran fochanca a causa das choivas.
Dende o PSdeG consideran que a “resposta puntual” do Concello tras este incidente trátase dun “remendo” que, advirten, “non resolve os problemas estruturais da vía”, unha das arterias principais da cidade e que, polo tanto, aglutina unha gran cantidade de tráfico.
Para as socialistas, a rotura da calzada puxo de manifesto “o deficiente estado do subsolo, da rede de drenaxe e do firme”, nunha rúa con alta densidade residencial e cunha especial sensibilidade social, ao contar con dous centros educativos no seu entorno inmediato. Por este motivo, consideran que a intervención debe garantir seguridade, accesibilidade e calidade urbana a longo prazo.
A proposta presentada polas socialistas aposta por unha actuación integral que inclúe a renovación completa da calzada e das beirarrúas con criterios de accesibilidade universal, así como a mellora da rede de drenaxe e das infraestruturas soterradas para evitar novas avarías.
Ademais, propoñen unha reordenación das beirarrúas, dando prioridade ao tránsito peonil, renovar o alumeado para garantir a eficiencia e a sustentbilidade, incorporar arborado e zonas verdes de pequeno formato así como mobiliario urbano funcional e a integración dunha pequena terraza ordenada e compatible coa convivencia veciñal, e medidas de calmado do tráfico, sen carril bici, adaptadas á sección real da rúa.
A proposta das socialistas inclúe tamén a rehabilitación do parque infantil situado ao final da rúa, un espazo moi utilizado polas familias da zona. A actuación, explican, permitirá renovar os xogos, mellorar o pavimento de seguridade, reforzar a accesibilidade e crear un espazo máis seguro, amable e integrado na nova imaxe urbana da rúa.
Segundo as estimacións do PSdeG, o custo aproximado da actuación situaríase entre os 450.000 e os 550.000 euros, incluíndo a intervención na rúa e a mellora do parque infantil. Trátase dun investimento acorde cunha rehabilitación integral de calidade, pensada para evitar actuacións recorrentes no futuro.
Dende o grupo municipal consideran que a situación require actuar de urxencia, polo que propoñen que a obra se poida executar mediante un contrato de emerxencia, o que permitiría reducir os prazos administrativos e executar a actuación nun prazo estimado de entre 3 e 4 meses, minimizando as afeccións ao tráfico e garantindo en todo momento o acceso seguro aos centros educativos da zona.
As socialistas garanten o seu compromiso para a avalar calquera modificación de crédito que sexa necesaria para facer posible esta actuación, e afirman que “investir ben agora é garantir seguridade, servizo público e calidade urbana durante moitos anos”.
“A rúa Peña Trevinca non precisa parches nin solucións improvisadas. Precisa unha intervención seria, planificada e pensada para as persoas”, afirman dende o PSdeG de Ourense.