O PSdeG de Ourense propón crear un grupo escultórico para homenaxear ás vítimas locais do franquismo

OurenseXa
A proposta inclúe, ademais, que a actual praza da Biblioteca Nós pase a chamarse Praza da II República e se converta nun lugar de memoria
psdeg-psoe-ourense-homenaxe-manuel-suarez
El PSdeG de Ourense homenaxea a Manuel Suárez
30 Jul 2025

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense anunciou a súa proposta para crear un grupo escultórico en memoria das vítimas ourensás da ditadura franquista. A iniciativa, que se prevé situar nas inmediacións do arquivo provincial, foi presentada pola secretaria xeral dos socialistas na cidade, Natalia González, durante o acto de homenaxe a Manuel Suárez, primeiro alcalde socialista de Ourense, fusilado o 27 de xullo de 1937.

Na súa intervención, González reclamou tamén a constitución do Consello Municipal da Memoria por parte do goberno local de Gonzalo Pérez Jácome, e subliñou que “un goberno que da as costas ao seu pasado non pode mirar cara ao futuro”.

O partido trasladará esta proposta ao próximo pleno municipal. Ademais do grupo escultórico cos nomes das vítimas, solicitan que a actual praza da Biblioteca Nós pase a chamarse Praza da II República e se configure como un espazo de memoria.

No acto, conducido polos responsables de Memoria Democrática do PSOE a nivel provincial e local, participou o secretario de Memoria Democrática do PSdeG, Iván Puentes, quen reivindicou o papel do seu partido como “garante histórico da liberdade e a democracia en España, especialmente importante nestes tempos máis grises que outros anteriores e nos que hai moitas liberdades en xogo polo avance da ultradereita”.

Tamén lembrou que “sen os mártires da II República, como Manoliño, non é posible entender os avances do actual Estado democrático que 40 anos de ditadura non foron quen de enterrar”.

Miguel Gómez, secretario de Xuventudes Socialistas, puxo en valor a figura de Antonio Taboada Nóvoa, tamén fusilado xunto a Manuel Suárez e que en 1937 ocupaba o mesmo cargo que el actualmente. “Foron baluartes dun soño republicano que non rematou pola súa vontade, senón que foi brutalmente truncado por un golpe de Estado. Non nos equivoquemos: non houbo un levantamento nacional, senón un golpe militar que derrocou ao sistema democrático que o pobo español elixira”, afirmou.

Pola súa parte, Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Democrática da CEP, repasou a traxectoria vital e política de Manuel Suárez, desde a súa militancia nas Xuventudes Socialistas, o PSOE e a UGT, ata o seu labor como edil e alcalde entre 1920 e 1936. “Traballar na memoria é mirar polo futuro da nosa sociedade”, destacou.

No acto tamén participaron o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila; o secretario de organización de UGT Ourense, Daniel Fernández, así como familiares do propio Manuel Suárez. Todos coincidiron en lembrar á súa filla, Lolita Suárez, falecida a finais de 2024 con 100 anos, e que seguiu defendendo os valores do seu pai ata o final da súa vida.

⚙ Configurar cookies
0.16131901741028