O PSdeG de Ourense propón impulsar a arte urbana local para mellorar a imaxe da cidade

O grupo municipal socialista en Ourense volve instar ao goberno local a desenvolver un proxecto de arte urbana que permita recuperar espazos degradados e impulsar o talento creativo das e dos artistas locais.
“A nosa cidade tivo e ten, pese á ausencia de respaldo por parte da Administración local, pequenos brotes e iniciativas de arte urbana que precisan de apoio institucional”, sinalou a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González. Neste sentido, puxo como exemplo a recente selección dun mural de Mon Devane como candidato a mellor mural do mundo pola plataforma Street Art Cities, un feito que considera “só unha mostra máis do talento que agocha Ourense”.
A voceira socialista tamén puxo en valor o traballo doutros artistas urbanos vencellados á cidade, como Cristina de Padua, Dusem de Rem, Abraham Caride ou Dafer Planet, destacando a súa capacidade para transformar recunchos da cidade a través das súas obras. A proposta, segundo explican, busca non só embelecer a cidade, senón tamén facer da arte urbana un motor de promoción turística.
Desde o PSdeG lembran que xa presentaron propostas similares no pleno municipal en varias ocasións, incluída unha moción en 2021, sen que ata o de agora foran tidas en conta polo goberno de Gonzalo Pérez Jácome. “O alcalde rexeita automaticamente, dende hai seis anos, calquera proposta realizada polo Partido Socialista, aínda que o seu ‘non polo non’ sexa en detrimento da mellora de Ourense e a súa veciñanza”, lamentou González. “Insistimos en tenderlle a man para mudar o aspecto da cidade para os e as que aquí viven e para os e as turistas que cada ano se achegan a coñecela”, engadiu.
Entre as medidas concretas que propón o grupo socialista está a creación dun inventario municipal de espazos susceptibles de seren intervidos con arte urbana, como muros, fachadas ou instalacións degradadas, seguindo criterios de eliminación do feísmo urbano. Ademais, propoñen a posta en marcha dun grupo de traballo técnico que deseñe un plan global e a longo prazo para o desenvolvemento deste tipo de intervencións, cun compromiso orzamentario estable.
Desde o PSdeG defenden que este tipo de proxectos poden situar a Ourense como un referente en arte urbana e cultura contemporánea. “Que pode poñer a Ourense no mapa, cun gran impacto estético e turístico, á marxe de convertila nunha cidade do século XXI, apoiando e potenciando aos seus artistas locais e o seu talento”, concluíron.