O PSdeG de Ourense reclama ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome que reduza a débeda do Concello

OurenseXa
Ademais, piden tamén que se reduza o período medio de pago a provedores a través do mecanismo áxil que habilita o Ministerio de Facenda
Alba Iglesias, María Fernández e Natalia González, PSdeG-PSOE de Ourense
Alba Iglesias, María Fernández e Natalia González, PSdeG-PSOE de Ourense
18 sep 2024

As edís do grupo municipal socialista reclamaron hoxe, en rolda de prensa, que o Concello de Ourense reduza o período medio de pago (PMP) a provedores e salde parte das súas débedas seguindo o procedemento do mecanismo estatal que habilita crédito para elo se as administracións locais que o precisan. Unha adhesión que, por outra banda, é obrigatoria para o actual goberno.

“Como vimos repetindo nos últimos meses, o Concello de Ourense non paga nin os servizos que presta, nin as festas nas que participa, nin as obras que fai. O goberno de Gonzalo Pérez Jácome ten moitos problemas de xestión económica e orzamentaria e isto supón que haxa moitas débedas sen saldar. Segundo o último informe de Tesouraría que foi a Pleno estamos a falar de 11 millóns de euros e 140 días de PMP”, destacou a edil do PSdeG María Fernández Ojea.

A situación, segundo explicou, leva a que se incumpran a meirande parte das obrigas que se teñen co Ministerio de Facenda e que este adopte as súas propias medidas. “Hai dúas semanas publicouse a listaxe de entidades locais que poden adherirse ao mecanismo do Executivo de España de pago a provedores a cambio de que se leve a cabo un plan de axuste”, explicou sobre a alternativa para que o PMP cumpra co máximo de 30 días que establece a normativa.

O Ministerio de facenda presta ata case 9 millóns de euros (8,8) para xestionar as facturas acumuladas, pero para elo é preciso que se faciliten as mesmas e os provedores poidan consultar se as súas están incluídas. “O 14 de outubro, todas as persoas que teñen débedas coa Administración poderían cobrar”, sinalou sobre un procedemento que permite elixir se se da preferencia ás máis antigas ou a aquelas que presentan un carácter prioritario e que debería establecerse segundo criterios técnicos.

Neste senso, subliñou que a débeda contraída co Estado, logo de firmar o préstamo e facerse este cargo de ditas facturas, iría deducíndose dos ingresos que se lle outorgan ao propio Concello de Ourense. “Non parece que dende o equipo de goberno de Jácome vaian a optar por esta medida que axilizaría os tempos. O único que lles interesa é seguir facendo as cousas a través de contratos menores, ou directamente sen contrato, ou dun xeito que despois imposibilita o pago por non contar con respaldo legal”, lamentou a socialista.

Por iso, incidiu en que se finalmente non se adhiren a este mecanismo, deberían render contas co Ministerio de Facenda sobre por que non adoptan unha ferramenta que se pon a disposición dos municipios e que no caso de Ourense é obrigatorio, segundo a listaxe publicada por esta mesma carteira.

0.19709086418152