O PSdeG de Ourense reclama un novo pavillón de ximnasia na cidade

O grupo municipal socialista reuniuse esta mañá coa directiva do Club Ximnasia Pavillón para abordar as súas demandas respecto á ocupación dos espazos deportivos e garantir que os adestramentos da súa base se desenvolvan en condicións óptimas e sexan atendidos polo Goberno Municipal.
Denuncian que o Goberno Municipal está “postureando” con “apoyo ao deporte base” para despois, como ocorre no caso da ximnasia, “recortar un 20% das horas de adestramento na instalación co necesario incremento para o equipo élite”.
A portavoz socialista, Natalia González, afirma que a solución reside na construción dun novo pavillón deportivo para que “Ourense sexa a capital da ximnasia” e este deporte teña o impulso institucional que merece. Ademais, insta ao goberno municipal a impulsar os contactos con Expourense, como declarou a concelleira de deportes no Consello Municipal de Deportes, e a que o proxecto poida comezar canto antes.
Os socialistas instan ao Concello a “deixar de mirar para outro lado” e a solucionar o “caos” que se produce ano tras ano co horario e o uso das instalacións deportivas municipais, “que sempre chegan tarde, mal e con moita carga, o que supón un problema para familias, nenos e clubs deportivos que non poden organizar os seus adestramentos nas condicións que merecen”. Todo isto, advirten, “demostra unha saturación das instalacións deportivas municipais, como ocorre no anexo do pavillón, onde varios clubs de diferentes modalidades deportivas adestran á mesma hora todos os días”.