O PSdeG de Ourense esixe o cumprimento da Lei de Memoria Democrática no Campo de Aragón

A deputada no Congreso por Ourense, Marga Martín; a secretaria xeral da Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense, Natalia González; o secretario de Memoria Democrática, Francisco Javier Quintas; e o secretario de Memoria Democrática da Comisión Executiva Provincial (CEP) do PSdeG, Xosé Lois Carrión; mantiveron unha reunión co fundador da Asociación de Memoria Democrática Campo de Aragón, Xosé Lois Gómez, para tecer sinerxias e abordar as débedas pendentes por parte das diferentes administracións respecto a este espazo, así como para coas vítimas que alí foron fusiladas.
Neste senso, lembraron que o Concello de Ourense incumpre dende hai 7 anos o acordo aprobado en sesión plenaria para denominar Praza da República ao Campo de Aragón –situado entre a Biblioteca Nós, o Arquivo Histórico Provincial e a Escola Municipal de Música e Artes Escénicas– e as e os socialistas sinalaron que demandaron en múltiples ocasións ante o goberno municipal que se aplique a Lei 20/2022, de 19 de outubro de 2019, de Memoria Democrática no que atinxe a este lugar e ás persoas represaliadas e asasinadas durante a Guerra Civil e o Franquismo.
Pola súa banda, a deputada no Congreso Marga Martín presentou ao fundador da entidade de recente creación a Proposición Non de Lei que defenderá para o seu debate na Comisión Constitucional e na que insta á Cámara Baixa a declarar como lugar de Memoria Democrática o Campo de Aragón na cidade de Ourense e a que se emprace unha praca nos edificios do complexo cultural de San Francisco na que se lembre ás persoas que foron detidas ilegalmente, maltratadas e torturadas durante a ditadura franquista.
“O Campo de Aragón en Ourense é un deses lugares aos que se refire a Lei de Memoria Democrática”, expuxo e apuntou que “neste lugar foron asasinadas máis dun centenar de persoas”. Segundo o proxecto de investigación “Nomes e Voces” foron fusiladas por orde da autoridade militar 119 persoas, 8 delas mulleres. Segundo os traballos do historiador, Julio Prada, elévanse ata as 133, cifra tristemente superior a outros lugares destinados ao mesmo fin en Galicia.
As e os socialistas tamén convidaron a participar aos e ás integrantes da nova asociación no acto que, como cada ano, organiza a Comisión Executiva Municipal do PSdeG para homenaxear á figura do alcalde fusilado Manuel Castro Suárez e que terá lugar o vindeiro martes 28 xullo.
Ademais, a secretaria xeral do partido na cidade e voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense comprometeuse a continuar reivindicando o que “por xustiza e memoria democrática corresponde” na Administración local a canalizar e transmitir todas aquelas suxestións e peticións que dende a entidade precisen realizar.