O PSdeG de Ourense reivindica o papel do socialismo galego na construción da autonomía

OurenseXa
Baixo o título “O PSdeG pola auténtica autonomía”, a agrupación municipal xunto a Xuventudes Socialistas organizou un acto centrado na reflexión sobre o autogoberno galego e o papel do socialismo na súa consolidación
acto-psdeg-ourense-autonomia
21 Mar 2026

A Agrupación Municipal do PSdeG de Ourense e as Xuventudes Socialistas de Galicia celebraron este 20 de marzo na sede socialista da cidade un acto centrado na reflexión sobre o autogoberno galego e o papel do socialismo na súa consolidación.

Baixo o título “O PSdeG pola auténtica autonomía”, a xornada reuniu a militantes, simpatizantes e persoas interesadas en analizar a evolución da autonomía galega coincidindo cos 45 anos de traxectoria do socialismo galego con forza propia.

No encontro participaron Margaríña Valderrama, exsecretaria de Cultura da CENG, e Isidoro Gracia, que foi deputado no Congreso por Pontevedra entre 1979 e 1993. Ambos fixeron un repaso polos principais fitos do proceso autonómico, lembrando episodios como o debate arredor do coñecido como Estatuto da Aldraxe ou o acordo político que deu lugar ao Pacto do Hostal. Durante as súas intervencións puxeron o acento na mobilización social e política da época, así como na influencia do socialismo galego na defensa dun modelo de autonomía con maior capacidade de decisión.

Ademais da mirada histórica, o acto serviu para establecer unha ligazón co contexto actual, incidindo nos desafíos de futuro para Galicia. Dende a organización subliñouse a necesidade de seguir reforzando o autogoberno e de impulsar un proxecto baseado na igualdade, o progreso e a cohesión territorial. Neste sentido, tamén se destacou o valor de preservar a memoria colectiva como elemento clave para avanzar cara a unha sociedade con máis oportunidades e maior xustiza social.

0.12157106399536