O PSdeG de Ourense rende homenaxe a Eduardo Blanco Amor

OurenseXa
A súa obra, vida e legado social foron lembrados nun acto cultural que contou coa actuación musical de Éric Dopazo e a proxección da adaptación cinematográfica de ‘A Esmorga’
acto-homenaxe-blanco-amor-psoe-ourense
Acto polo aniversario do nacemento de Eduardo Blanco Amor
14 Sep 2024

Ourense conmemorou este sábado, 14 de setembro, o 127 aniversario do nacemento do escritor ourensñán, Eduardo Blanco Amor. Un home ao que dende a Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG quixeron render homenaxe organizando un acto cultural por converterse nun “rebelde” que abriu camiño, tal e como afirmou a edil socialista Alba Iglesias durante o mesmo.

“Non quedou na zona de confort. Marchou a Bos Aires, rodeouse dos grandes pensadores do seu tempo e desde alí empezou a marcar a diferenza. (…) Aínda que non había redes sociais, as súas palabras cruzaban océanos. Blanco-Amor non só escribía libros, escribía o futuro da cultura galega. E non o facía desde un despacho, senón desde as rúas, desde as tertulias e desde a rebeldía”, enfatizou a tamén secretaria xeral de XX. SS na cidade sobre a traxectoria vital e profesional do autor.

Tamén interviú no acto o secretario de Memoria Histórica da CEM, Xosé Lois Carrión, para recordar a figura do escritor que cualificou como “progresista”, “comprometido”, “bo conversador e contador de historias e chistes” con quen tivo a “inmensa fortuna de departir inesquecibles momentos”, segunda as súas propias palabras. E para exemplificar a súa forma de ser serviuse dunha liñas que el mesmo publicou na revista do Centro Galego de Bos Aires, en 1947: “Un escritor de nuestro tiempo que no haya tomado partido, nos parece un hipócrita, un infrahombre, un sujeto repugnante. Nos produce asco de una cosa muerta; pero no muerta en una final momificación, ya mineral, sino en ese punto de vida repelente, de vida-muerte, que hay en lo corrompido (...)”.

Aparte dos seus títulos máis reseñables (La catedral y el niño, Os biosbardos, Xente ao lonxe ou A Esmorga), o socialista destacou outras contribución menos coñecidas do autor ourensán como foi a de conseguir que, por vez primeira, Astérix se puidera ler en galego, en 1976.

“Eduardo Blanco-Amor foi nomeado Fillo Predilecto de Ourense a título póstumo polo Concello de Ourense, en novembro de 1981, coa abstención do BN-PG, acordo adoptado a proposta do xuíz instrutor do expediente, o edil socialista Manuel Veiga Pombo. E máis tarde foi nomeado Fillo Predilecto da Provincia por unanimidade do pleno da Deputación, en novembro de 2004. De novo tivo que ser un socialista o impulsor da iniciativa, Gonzalo Iglesias Sueiro”, destacou durante a súa intervención no parque Ribera de Canedo onde se celebrou o acto de homenaxe.

Pola súa banda, a secretaria de Igualdade da CEM, Zaida Rodríguez, foi a encargada de ler os versos que o escritor lle adicou ao fundador do Partido Socialista, Pablo Iglesias. E a secretaria xeral do PSdeG na cidade, Natalia González, quixo subliñar a necesidade de continuar facendo memoria para que o seu legado non caia no esquecemento. “Precisamente el, que tanto defendeu a nosa cultura e idiosincrasia, alonxándose do conservadurismo, merece un Ourense que lle renda todas as homenaxes posibles ante a pasividade e a indiferencia dos que nos gobernan nunha data tan importante como é a do seu nacemento”, sinalou a tamén portavoz dos e das socialistas no Concello.

O acto, que comezou ás 20:00 horas, contou coa actuación musical de Éric Dopazo (coñecido como Un Rapaz Transquilo) e coa proxección da longametraxe ‘A Esmorga’, baseada na obra do autor, que o director Ignacio Vilar levou á gran pantalla hai agora xusto dez anos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18495798110962