O PSdeG denuncia a falta de médicos no Centro de Saúde de Maceda

OurenseXa
Advirten que durante este luns e martes non haberá facultativos que presenten servizo á veciñanza e acusan á xerencia sanitaria de Ourense de “irresponsabilidade total”
psoe-centro-de-saude-maceda
29 Dec 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o centro de saúde de Maceda quedará durante o día de hoxe e o de mañá sen facultativos que atendan á veciñanza, unha cuestión que segundo a alcaldesa, Uxía Oviedo, foi coñecida a través da propia veciñanza, que alertou o pasado venres da situación.

“Primeiro non obtivemos resposta e posteriormente obtivemos malas palabras”, critica a alcaldesa, que pregunta sobre os motivos de non proporcionar ao consistorio sobre a xestión dos médicos no centro de saúde. “Non sabemos se que non nos queren dar esa información ou que directamente non a poden dar”, afirma Oviedo, que considera que esta situación “é de extrema gravidade, unha irresponsabilidade total e unha falla de respecto cara a cidadanía do rural”.

Ante esta situación, a propia alcaldesa, xunto á deputada no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, achegouse esta mañá ao centro para comprobar de primeira man o que consideran unha “falla total” de planificación do goberno galego.

Para os socialistas, trátase dunha “ irresponsabilidade total por parte da xerencia da área sanitaria de Ourense” e acusan ao PP de “proseguir co seu desmantelamento de servizos sanitarios no rural”.

A situación, din, “é gravísima”, xa que a veciñanza quedará sen atención sanitaria durante dous días completos en pleno Nadal cando, lembran, a poboación de Maceda aumenta pola chegada de familias que regresan ao municipio. Por iso, consideran “inadmisible” que o centro de saúde quede sen facultativos, obrigando á poboación a desprazarse ata outros centros da contorna ou incluso ata Ourense.

“Levamos tempo advertindo que a atención primaria estase desmantelando”, sinalaba Dacosta ante os medios de comunicación. O de Maceda, di, “é un exemplo claro deste desmantelamento, coa veciñanza quedando sen médico en pleno pico da gripe”. Para Dacosta, a situación amosa “o abandono do rural na provincia de Ourense por parte da Xunta”, algo que di, “non se pode permitir”.

Por iso, a parlamentaria anuncia que o PSdeG presentará unha batería de iniciativas parlamentarias ao respecto para pedir “solucións urxentes para a provincia, a atención Primaria e neste caso para Maceda”. A deputada socialista considera que “non se pode abandonar así á veciñanza” e subliña que “nunha provincia cunha dispersión xeográfica tan grande, estas decisións son un golpe mortal para o rural”.

⚙ Configurar cookies
0.081846952438354