O PSdeG denuncia no Parlamento posibles “vulneracións de dereitos fundamentais e riscos para a seguridade pública” no Concello da Merca

OurenseXa
Advirten de “feitos concretos e documentados que, de confirmarse, poderían supoñer unha limitación continuada das funcións de control e fiscalización por parte da oposición”
Carmen R. Dacosta
31 Mar 2026

O PSdeG-PSOE vén de denunciar no Parlamento de Galicia posibles “vulneracións de dereitos fundamentais e riscos para a seguridade pública” no concello da Merca, tras as queixas presentadas polo voceiro socialista no municipio, Carlos Sousa, ante a Valedora do Pobo

A deputada socialista por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, advertiu de que “non estamos ante unha discrepancia política ordinaria, senón ante feitos concretos e documentados que, de confirmarse, poderían supoñer unha limitación continuada das funcións de control e fiscalización por parte da oposición”.

Segundo explicou, entre os aspectos recollidos na denuncia figura a exclusión reiterada de iniciativas socialistas das ordes do día durante períodos prolongados, unha situación que, segundo sinala, podería afectar ao dereito de participación política recoñecido na Constitución. “Estariamos ante un posible menoscabo do funcionamento democrático da corporación local por parte do goberno municipal do Partido Popular”, subliñou.

Rodríguez Dacosta tamén puxo o foco en determinadas actuacións administrativas “que xeran dúbidas sobre a súa adecuación á legalidade”, e citou como exemplo a convocatoria inmediata dun pleno tras a presentación dunha impugnación nun contexto no que se cuestionaba o propio procedemento seguido.

Ademais, a deputada incidiu nunha cuestión que cualificou de “especialmente preocupante”: a existencia de informes técnicos que alertan de riscos graves para a seguridade pública relacionados con vivendas en estado ruinoso, fronte a un orzamento municipal que considera “claramente insuficiente” para facer fronte a esta problemática. “Se se confirman estes feitos, xa non estariamos só ante un problema político, senón ante unha cuestión que afecta directamente á responsabilidade das administracións públicas na protección da seguridade da cidadanía”, afirmou.

Ante esta situación, o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou unha batería de iniciativas —para resposta en comisión, en pleno e tamén por escrito— co obxectivo de que a Xunta de Galicia dea explicacións e aclare a súa posición. En concreto, solicitan saber se o Goberno galego prevé pedir información ao Concello da Merca ou adoptar medidas dentro das súas competencias.

“O relevante neste caso non é só quen ten a competencia directa, senón quen asume a responsabilidade institucional de garantir o correcto funcionamento das administracións públicas e o respecto aos dereitos fundamentais”, concluíu Rodríguez Dacosta.

0.12813091278076