O PSdeG denuncia que o PP apoiará a Jácome para aprobar a ordenanza de veladores tras ser rexeitada por toda a oposición

Na Xunta de Área de Urbanismo que tivo lugar esta mañá no Concello de Ourense, o edil delegado anunciou que irán a pleno, o vindeiro mes de xullo para a súa aprobación, as ordenanzas de ruídos, veladores e Zona de Baixas Emisións (ZBE).
Neste senso, a voceira socialista, Natalia González, explicou que “precisamente sobre a de ruídos, pola que preguntamos insistentemente dende o grupo municipal socialista, levaba meses nun caixón, afirmando o propio concelleiro nas anteriores reunións deste órgano, como así consta en actas, que non tiñan pensado facer nada con ela. Confirmou así mesmo, no día de hoxe, que o proxecto irá tal cual foi levado a pleno e rexeitado por todos os grupos da oposición, co cal é evidente a connivencia e o acordo entre DO e PP á marxe do resto de formacións políticas para sacala adiante”.
“Gustaríanos saber que é o que cambiou para o PP neste tempo e tamén se están de acordo co anuncio do goberno de Jácome de que non van a levar adiante unha segunda exposición pública do PXOM, algo que tamén inicialmente apoiaba como condición ‘sine qua non’ o Partido Popular no Concello de Ourense”, engadiu sobre outra das cuestión relevantes abordadas esta mañá.
Nesta Xunta de Área, ademais, o edil de Urbanismo manifestou que dende o executivo local non solicitarán máis axudas para a rehabilitación do antigo cárcere, despois dos 3 fracasos anteriores, e que esta quedará enmarcada na futura área Rexurbe sen unha folla de ruta clara e concreta para o espazo.
Demandandaron, ademais, o incremento do seguimento por parte do Concello de Ourense en canto aos parámetros de calidade do aire na cidade e medidas tamén ao respecto, á marxe da licitación do servizo de mantemento das estacións existentes para medilo na terceira urbe de Galicia.
Por outra banda, durante a Xunta de Área de Servizos Sociais, a voceira do PSdeG tamén demandou coñecer en detalle a memoria de actividades da Concellería de Saúde e os datos da Unidade de Condutas Aditivas municipal nos últimos anos, ante o escurantismo, desidia, parálise e falta de sensibilidade que veñen demostrando tanto o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, como a súa edil Noa Rouco. “Ás nosas preguntas, respondeu rotunda que seguirán facendo o mesmo; é dicir, nada. E seguirán derivando responsabilidades no resto de administracións”, lamentou sobre a postura do executivo de DO.
Finalmente, urxiron de novo a previsión e a axilización da tramitación das operacións económicas precisas para o aboamento dos convenios coas entidades do terceiro sector que se adebedan dos anos 2022, 2023, 2024 e os previstos neste 2025, ao igual que as solicitudes de emerxencias sociais pendentes, que a data 2 de xuño son xa 225, tal e como confirmou a edil responsable da carteira. Todo elo, segundo expresou o propio goberno municipal, intentarán que se leve a pleno para a súa aprobación por fin no mes de xullo.