O PSdeG do Concello de Ourense reclama a Sogama que mude cara unha reciclaxe de proximidade

OurenseXa
Os socialistas acusan ao goberno autonómico de "non asumir as competencias que lle corresponden e a cargar aos concellos con competencias impropias”
María Fernández Ojea, grupo municipal socialista de Ourense
26 Jul 2024

“É necesario que a Xunta de Galicia aclare os termos da suba no canon do lixo que aplica Sogama aos municipios. O goberno autonómico está, unha vez máis, a non asumir as competencias que lle corresponden e a cargar aos concellos con competencias impropias”, explica a edil do PSdeG María Fernández Ojea sobre a moción que o grupo socialista levará á sesión plenaria ordinaria do vindeiro 2 de agosto.

A sociedade de residuos, que xestiona os de 295 concellos galegos, estableceu en 2019 a bonificación do 10% no canon ás administracións locais que se comprometeran a reducir o volume de lixo e envases lixeiros, así como a repercutir esta rebaixa nos recibos á veciñanza. “Na lei de acompañamento dos orzamentos 2023 coñeciamos a intención de Sogama de suprimir esta bonificación amparándose no aumento dos custos de luz e gas da súas instalacións, pero a resposta social e municipal que esta medida ocasionou fixo recuar ao executivo e substituíu esta medida pola bonificación do 15% condicionada especificamente á implantación do colector marrón e ao traslado aos recibos da rebaixa”, lembran no texto rexistrado.

E, tal e como recolle a iniciativa, hai uns días Sogama anunciou a eliminación desta bonificación para os meses restantes de 2024, quedando a cantidade a aboar en 66,01 euros/t para todos os municipios e unha suba para 2025 de 78 €/t de media.

“A escusa para a suba do prezo é unha lei estatal. Non é certo. No ano 2018 houbo unha directiva europea coa que se tentaba atopar un crecemento medioambiental sostible. O que se traduciu nunha trasposición dunha lei estatal. O que están a facer dende o executivo é cumprir coas directivas europeas e o que está a facer a Xunta é refusar as súas competencias, o que repercute negativamente na veciñanza”, argumenta.

Neste senso, dita lei que vén regular o imposto á xestión de residuos grava a incineración e o depósito en vertedoiro por ser as formas medioambientalmente menos recomendables e na actualidade as preferentes de Sogama (incineración 60%; vertedoiro 21%), o que a obriga a ter que asumir o imposto ao non ter mudado a forma de procesalos.

“A xestión que propón a Xunta de Galicia é arcaica e resulta obsoleta. Temos que camiñar, como o resto de Europa, cara a reciclaxe e un sistema eficiente coa creación de plantas de proximidade e non andar movendo os residuos dun lado cara a outro”, engade, pola súa banda, a edil Alba Iglesias.

Por todo elo, o grupo municipal socialista reclamará que se manteña o canon actual imposto aos concellos adscritos a SOGAMA de 66 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido. Así como instar á Xunta a que axude económicamente ás administracións locais para a implantación de medidas que contribúan á reciclaxe.

Por último, tamén solicitarán ao Pleno instar ao executivo autonómico e a Sogama a poñer en marcha medidas urxentes de cara a mudar a actual política de xestión de residuos, primando a redución e a reciclaxe fronte á incineración e o depósito en vertedoiro e a ampliar as plantas de biorresiduos existentes, como xa estaba previsto no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2016-2022.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17972016334534