O PsdeG insta á Deputación de Ourense a mellorar os mecanismos de financiamento dos concellos da provincia

O Grupo Provincial Socialista presentou no Bolo a iniciativa que levará ao vindeiro pleno da Deputación para avanzar cara a mellora dos mecanismos de financiamento dos concellos da provincia de Ourense. “A moción busca dar resposta aos graves desafíos que enfrontan os nosos municipios, nomeadamente os pequenos, que ademais deben acometer problemas estruturais que, coma o despoboamento e o envellecemento demográfico, acentúan o infrafinanciamento crónico do que adoecen”, subliña Aurentino Alonso, deputado socialista pola comarca de Valdeorras.
Alonso abondou na “situación crítica” que atravesan os municipios máis cativos do rural que, “sobre a base de partidas orzamentarias bastante reducidas”, vense na obriga de “atender cada vez máis amplos e novos servizos, como o de servizo de axuda no fogar”. O deputado socialista evocou un recente informe elaborado polo Consello de Contas, que conclúe o “perigo de viabilidade” de até 36 dos 92 concellos da provincia. Segundo este, “a complexidade administrativa e a burocracia supoñen unha carga adicional para entidades que carecen de persoal e recursos para xestionar os proxectos e servizos encomendados”.
Estes obstáculos dificultan a prestación de servizos básicos e comprometen a competitividade e sustentabilidade dos municipios. Para Alonso, “é un clamor entre todos os concellos -non só os socialistas- que hai que revisar o sistema de financiamento para adaptalo ás necesidades actuais”. O Grupo Provincial Socialista fai fincapé no Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, de onde proveñen parte importante dos fondos e que leva sen modificarse desde o ano 2009. “O Fondo tampouco contemplou a suba do índice de prezos ao consumo, que se elevou substantivamente estes últimos 15 anos”, dixo Alonso.
Sufragar competencias impropias
O alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, enumerou algunhas competencias impropias a asumir por un concello pequeno coma este e que comprometen a súa estabilidade. “No 2024 a axuda a domicilio estaba orzamentada en 160.000, mentres que para este exercicio ascende a nada menos que 202.000 euros, dos que a Xunta, que é a administración competente a tal efecto, apenas aporta 122.000 euros, tendo que sufragar o resto o propio concello”, láiase Vázquez, destacando o incremento dos custos operativos e o envellecemento poboacional, que fai que o servizo sexa cada vez máis demandado.
O rexedor do Bolo deu conta da atención do concello a “instalacións que non son municipais”, coma o colexio ou o centro de saúde, “debendo asumir nós a factura da luz, da calefacción, coidados, vixilancia e mantemento”. Con respecto ás “novas cargas” que recaen sobre pequenos municipios do rural, Vázquez quixo destacar até que punto están “desbordados” os administrativos municipais que, amais de cumprir coas súas “obrigas habituais”, tamén axudan á xente maior para realizar trámites administrativos dixitais coa Xunta para, por exemplo, “cortar leña para uso doméstico” ou “facer queimas agrícolas”.
Ante este escenario, os socialistas propoñen medidas específicas dirixidas ao Estado, para que afronte a reforma en profundidade do sistema de financiamento das administracións locais, e á Xunta de Galicia, para que actualice o monto do financiamento dirixido aos concellos. “A moción reflicte o compromiso do PSdeG-PSOE co futuro dos concellos de Ourense. A través das nosas propostas buscamos garantir non só a súa supervivencia, senón tamén un desenvolvemento sostible e a mellora da calidade de vida das persoas que habitan no noso rural”, defende Alonso.