O PSdeG logra o respaldo do Pleno para esixir ao Concello o arranxo da Fonte do Tinteiro e melloras en Verea Vella

O grupo municipal socialista conseguiu no Pleno do Concello de Ourense celebrado este venres o apoio de PP e BNG para sacar adiante dúas mocións dirixidas a reclamar melloras en distintos puntos da cidade: unha para instar ao goberno local a unha intervención definitiva na Fonte do Tinteiro e á adquisición de novos trens turísticos termais, e outra para atender as demandas veciñais de Verea Vella.
Os socialistas lembran que a fonte termal presenta deficiencias desde hai dous anos, tras as últimas obras municipais, xa que a auga non flúe correctamente e perdeu propiedades por filtracións desde o Miño. Reclaman unha actuación integral que garanta a súa conservación e funcionamento estable, no canto de reparacións provisionais.
En materia de transporte, o PSdeG pide destinar unha partida orzamentaria á compra de dous trens turísticos que permitan recuperar o servizo diario, actualmente limitado ás fins de semana, mellorando ademais a seguridade e comodidade de usuarios e condutores.
No relativo a Verea Vella, os socialistas propoñen aproveitar as obras previstas no Parque de Canedo para renovar infraestruturas como a tubaxe principal, en uso desde hai máis de cincuenta anos, e realizar melloras no contorno. Tamén solicitan regular o aparcamento na zona, repoñer o muro colindante coas vivendas próximas ao acceso ao río e estudar a expropiación de parcelas abandonadas para a súa integración no barrio.