O PSdeG pide a constitución inmediata do Consello Municipal de Medio Ambiente en Ourense

OurenseXa
Os socialistas critican que a cidade quedase fóra dos fondos europeos para plantar 5.000 árbores mentres Vigo e A Coruña si foron seleccionadas
natalia-gonzalez
Natalia González
31 Aug 2025

O Grupo Municipal Socialista de Ourense reclama a creación urxente do Consello Municipal de Medio Ambiente, un órgano de participación e planificación que permita deseñar políticas ambientais serias, coordinadas e con visión de futuro. A proposta chega tras confirmarse que o proxecto municipal “Ourense, cidade arbolada”, que pretendía plantar 5.000 árbores, quedou excluído da convocatoria da Fundación Biodiversidad, a pesar de contar cunha auditoría e presentarse oficialmente.

A voceira socialista, Natalia González, lamenta que “Ourense queda unha vez máis atrás, mentres outras cidades galegas si acceden a fondos europeos para proxectos ambientais serios”. A exclusión desta convocatoria supón, segundo sinala, “os enésimos fondos europeos que o Concello non logra, perde ou mesmo rexeita”, lembrando que fai só unha semana se devolveu a achega dos fondos Next Generation destinada a restaurar o edificio da Praza da Trinidade.

Desde o PSdeG subliñan que esta situación deixa á cidade sen financiamento para avanzar en materia ambiental e que “unha vez máis a propaganda de Jácome queda en iso, en propaganda baleira e en promesas incumpridas cos veciños e veciñas”.

En marzo de 2025, o goberno local solicitara unha subvención para plantar 5.000 árbores e recuperar espazos urbanos degradados. Porén, o resultado final confirma que Ourense non recibirá axuda, o que tamén implica que o compromiso electoral de plantar 10.000 árbores segue sen materializarse.

“Non existe calendario nin recursos dispoñibles, e a promesa de Jácome continúa incumprida”, advertiu González, quen engadiu: “Remata outro verán no que literalmente arde Ourense; as políticas medioambientais do goberno municipal nin están nin se lles espera”.

⚙ Configurar cookies
0.17052602767944