O PSdeG pide á Xunta “readaptar con urxencia” o transporte por autobús nas comarcas do oriente ourensán

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Celebran a recuperación das paradas na Gudiña pero piden “conexións reais” cos novos horarios do AVE para as zonas de Verín, Valdeorras, Viana e Trives
psoe-recuperacion-tren-a-gudiña
24 Mar 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a recuperación das frecuencias do AVE na estación da Gudiña – Porta de Galicia, tralo anuncio deste luns por parte de Renfe e do Goberno. As e os socialistas destacan que “os meses de traballo intenso a tódolos niveis institucionais deron por fin os seus froitos e a reivindicación da cidadanía e veciñanza das comarcas do oriente ourensán foron escoitadas”.

A partir do 20 de maio, recuperarase a frecuencia horaria a primeira hora da mañá, cun tren que parará na Gudiña ás 7:44 horas e que chegará a Madrid ás 10:13 minutos. Un axuste que permitirá unha mellor mobilidade de primeira hora da mañá e regresar no mesmo día. No relativo as viaxes dende Madrid con destino Ourense, A Coruña, Santiago ou Vigo, tamén haberá variacións, cun tren que sairá da capital ás 6:55 e fará parada na Gudiña ás 9:02 para proseguir cara o resto de Galicia.

Dende a organización provincial subliñan que este avance “non é froito da casualidade”, senón do traballo constante desenvolvido durante meses, tanto a nivel local como provincial, galego e estatal, así como do apoio “firme” ás demandas da veciñanza.

Porén, advirten de que esta mellora no servizo ferroviario debe ir acompañada dunha actuación inmediata por parte da Xunta de Galicia. Neste sentido, instan ao Goberno galego a “readaptar con urxencia” as frecuencias do transporte por autobús nas comarcas de Valdeorras, Verín, Viana, Trives e no conxunto do oriente ourensán, co obxectivo de garantir “conexións reais” cos novos horarios do AVE.

“De pouco serve recuperar trens se a Xunta mantén un sistema de autobuses descoordinado, con horarios que non permiten nin chegar á estación nin regresar ás casas en condicións”, denuncia o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense sinalan que a falta de integración entre tren e autobús “é unha das grandes eivas da política de mobilidade da Xunta”, á que acusan de “non estar á altura das necesidades do rural”. Por iso, esixen ao executivo autonómico que “abandone a inacción e poña en marcha de inmediato unha planificación coordinada do transporte público que garanta unha mobilidade real, sostible e adaptada ao territorio”.

0.12978196144104