O PSdeG provincial denuncia a precariedade nos centros de menores da provincia de Ourense

O Grupo Provincial Socialista presentou unha moción na Deputación de Ourense para reclamar que a institución provincial inste á Xunta de Galicia a negociar “de inmediato” un convenio colectivo galego que mellore as condicións laborais do persoal dos centros de reforma xuvenil e de protección de menores.
O voceiro socialista, Álvaro Vila Araújo, secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, presentou a iniciativa xunto a deputadas e deputados do grupo nun acto simbólico diante do Centro de Menores de Montealegre. Vila denunciou que “a Deputación de Ourense non pode permanecer indiferente ante a pasividade da Xunta, que leva máis dun ano ignorando as peticións de reunión dos traballadores”.
O portavoz socialista criticou que “a conselleira Fabiola García mira para outro lado mentres centos de profesionais sofren salarios por debaixo do SMI, ratios abusivas e xornadas de 24 horas sen persoal de substitución”. Ao seu xuízo, “esta precariedade laboral extrema tradúcese nunha atención deficiente aos 700 menores que acollen estes centros en Galicia, que precisan estabilidade e profesionais en condicións dignas”.
A provincia de Ourense conta con tres centros públicos fundamentais no sistema galego de atención a menores: Monteledo, con 37 prazas en réxime pechado, semiaberto e aberto; Montefiz, o único de Galicia especializado en internamento terapéutico para menores con trastornos de saúde mental, con 23 prazas; e Montealegre, destinado á protección de menores en situación de desamparo. Ademais, existen outros oito centros privados na provincia que suman máis de 190 prazas.
Vila subliñou que “a inacción non é unha opción cando están en xogo os dereitos de centos de traballadores e o benestar dos menores”. Lembrou que os profesionais do sector convocaron unha folga o vindeiro 6 de novembro, que afectará a máis de 5.000 empregados en Galicia nos ámbitos de menores, discapacidade e educación infantil. “O PSdeG apoiará publicamente esta mobilización porque non se pode consentir que a Xunta siga eludindo as súas responsabilidades mentres a situación empeora”, afirmou.
A moción socialista insta á Deputación a presionar á Xunta para que reciba de inmediato os representantes sindicais e patronais e negocie un convenio que dignifique as condicións laborais do persoal. Vila defendeu que “esixir estas melloras non é só unha cuestión de xustiza laboral, senón unha obriga moral cando falamos dos nenos e nenas máis vulnerables da nosa provincia, que precisan dun seguimento individualizado e da estabilidade que só poden ofrecer profesionais en condicións dignas”.