O PSdeG-PSOE comprométese a rematar o enlace da autovía A-52 coa zona industrial de San Cibrao
O PSdeG-PSOE comprométese a rematar a maior brevidade posible o enlace da autovía A-52 coa zona industrial de San Cibrao, que o PP de Feijóo e Rueda deixaron a medio facer, tras catro lexislaturas “perdidas” con maioría absoluta. Os e as socialistas destacan que con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia, “remataremos con este agravio que vive unha das maiores áreas industriais de Galicia e que non conta cun acceso de alta capacidade, cousa que si acontece nos outros grandes parques industriais da nosa comunidade”.
A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia desprazouse esta mañá ata a intersección da conexión da A-52 coa N-525, para comprobar de primeira man a “ineficacia” desta infraestrutura construída polo goberno autonómico e que remata en “terra de ninguén”. Os e as socialistas destacan que con Besteiro ao fronte da Xunta “construiremos os tramos pendentes, transformando unha estrada convencional, nunha vía de alta capacidade”. Deste xeito apuntan “remataremos co illamento que vive a zona industrial de San Cibrao por mor do desleixo e o abandono do Partido Popular”.
A candidata ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, apunta a que Rueda e Feijóo, a pesar de dispor de fondos europeos “non foron que de rematar cunha infraestrutura historicamente demandada polos polígonos, os empresarios e as empresarias e os milleiros de traballadores e traballadoras que se desprazan a diario ao Polígono de San Cibrao, Barreiros e o Parque Tecnolóxico. A cabeza de lista dos e das socialistas ourensás denuncia que a actual conexión coa A-52 “remata en terra de ninguén” e subliña que “non hai conectividade real e efectiva, polo que se resta competitividade ás empresas instaladas nesta zona industrial prioritaria da comarca e a provincia de Ourense”.
“Con Besteiro como presidente remataremos coa discriminación que vive a zona industrial de Ourense, conectándoa coas autovías A-52 e AG-31, apostando así pola industria, o emprego e a cohesión territorial”, afirma Rodríguez Dacosta. A candidata socialista tamén destaca que da man do candidato, José Ramón Gómez Besteiro “solucionaremos esta demanda histórica, porque os e as socialistas si que creemos na necesidade de revitalizar a industria, as infraestruturas e o emprego, mellorando as conexións”.
Pola súa banda, o candidato do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, Nacho Gómez Pérez, lembra que “os e as socialistas levamos moitos anos demandando esta infraestrutura, pero a Xunta demostrou ao longo deste tempo, co PP ao fronte, non ter ambición e seguir fomentando o déficit que vive a área industrial de San Cibrao en materia de infraestruturas”. O número 2 da candidatura socialista explica que Rueda “non ten nada que ofrecer a esta provincia, nin as empresas e traballadores e traballadoras, como xa demostrou onte no debate electoral”.
Gómez Pérez apunta a que o PP “tense oposto tanto na Xunta como na Deputación de Ourense ao que o remate deste enlace sexa unha realidade” e subliña que “non fai moito que asistimos asombrados a como a alcaldesa de San Cibrao e vicepresidenta da Deputación, Marta Nóvoa, dicía que esta non era unha infraestrutura necesaria”. O candidato socialista finaliza destacando que Besteiro “si aposta por infraestruturas e pola industria e por construír un pais con ambición, que xere emprego e que reordene e redistribúa os orzamentos para avanzar en territorios como Ourense, que están en retroceso por 15 anos de goberno do PP”.