O PSdeG-PSOE da bisbarra de Ourense avanza na elaboración das candidaturas cara as municipais de 2027

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este xoves unha reunión de traballo con voceiros, alcaldes e alcaldesas da bisbarra, na que participaron representantes da maioría dos concellos. O encontro enmárcase no proceso de preparación das candidaturas de cara ás eleccións municipais de 2027.
Na xuntanza participou a Executiva Provincial, encabezada polo secretario provincial, Álvaro Vila, xunto a Antonio González Fiuza, Susana Rodríguez, Carmen Rodríguez Dacosta e Brian Diz. Tamén estiveron presentes representantes socialistas de municipios como Ourense, Amoeiro, A Peroxa, Vilamarín, Barbadás, Toén, Coles, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Maceda, Esgos, Taboadela ou Allariz.
Desde o partido subliñan a importancia estratéxica da bisbarra, tanto polo peso da capital como polo número de concellos que a integran, e lembran que nesta zona se decide unha parte relevante da composición da Deputación de Ourense. Neste sentido, destacan que “o resultado nesta bisbarra será determinante para o futuro goberno provincial”.
Durante a reunión púxose en valor o traballo dos actuais representantes municipais socialistas, sinalando que “día a día impulsan políticas útiles para a cidadanía, centradas na mellora dos servizos públicos, o apoio ás familias, o fortalecemento do tecido social e a dinamización económica dos concellos”.
No plano programático, o PSdeG-PSOE incidiu en que o seu proxecto municipal aposta por medidas orientadas a fixar poboación, especialmente no rural, a través do acceso á vivenda, a mellora das infraestruturas e dos servizos básicos, o impulso ao emprego local e o apoio ao comercio de proximidade. Tamén defenden reforzar os servizos sociais, ampliar recursos para a conciliación, avanzar na igualdade e promover a transición ecolóxica con iniciativas adaptadas á realidade de cada municipio.
As e os socialistas tamén coincidiron na necesidade de promover un cambio político en varios concellos da bisbarra, apostando por novos equipos e proxectos que permitan “abrir unha nova etapa baseada na transparencia, na proximidade e na eficacia na xestión pública”. Neste proceso, subliñan que a elaboración das candidaturas “vaise facer concello a concello, escoitando á militancia e á cidadanía”, co obxectivo de conformar equipos “fortes, sólidos e capaces de dar resposta aos retos de futuro”.
En canto á estratexia territorial, a Executiva Provincial fixa como prioridades consolidar alcaldías actuais, recuperar outras como a de Barbadás e mellorar resultados no conxunto da bisbarra, con especial atención á cidade de Ourense. Ademais, o partido aspira a obter representación en Xunqueira de Ambía, único concello da zona no que non conta na actualidade con concelleiros.
Con este tipo de encontros, o PSdeG-PSOE continúa reforzando a súa organización e presenza no territorio, coa vista posta nas municipais de 2027 e co obxectivo de construír un proxecto para a bisbarra de Ourense.