O PSdeG-PSOE da Merca critica a falta dun proxecto de orzamentos para o exercicio 2026

OurenseXa
O voceiro, Carlos Sousa, critica a xestión municipal e a cualifica de “absolutista”
casa-do-concello-a-merca
18 Feb 2026

O PSdeG-PSOE da Merca critica con dureza a xestión municipal levada acabo dende o equipo de Goberno, á que cualifica de “absolutista” e “marcada pola opacidade e o incumprimento sistemático dos prazos legais”.

“Estamos ante un goberno que nin ten a aptitude para xestionar os recursos públicos, nin a actitude necesaria para escoitar á veciñanza e á oposición”, sinalaba esta mañá o voceiro municipal, Carlos Sousa, que tras constatar que, case dous meses despois do inicio do ano e catro meses despois da data marcada pola lei (15 de outubro), o municipio segue sen un proxecto de orzamentos para o exercicio 2026.

Para Sousa, chama a atención “unha coincidencia simbólica”, referíndose a que “o calendario de 2026 é idéntico ao de 1987”, e considera “lamentable” que “case 40 anos despois daquelas eleccións que consolidaron o municipalismo en España, este equipo de goberno pretenda volver ao absolutismo do século XVIII, redactando orzamentos a porta pechada e de costas á cidadanía”.

O voceiro socialista considera “especialmente grave” a resposta recibida por parte dun Tenente de Alcalde do PP que di, chegou a afirmar que o municipio “non é viable”, unhas verbas que para el supoñen “unha declaración de bancarrota moral”. “Se para eles o noso fogar non é viable, é porque tiraron a toalla. Un municipio é viable cando hai xestión, transparencia e ganas de traballar; o que non é viable é a súa forma de gobernar por imposición”, asegura.

Ante a falta de noticias sobre as contas públicas, explica o concelleiro, solicitouse formalmente “o estado de execución do orzamento prorrogado para fiscalizar en que se está gastando o diñeiro dos veciños mentres o goberno mantén o concello paralizado”. Ademais, Sousa advirte que o PSdeG manterá “unha postura de máxima firmeza” e non descarta presentar unha emenda á totalidade “se o proxecto final non responde ás necesidades urxentes do municipio, como a seguridade e a transparencia”. “O orzamento é o diñeiro de todos, non a herdanza privada duns poucos. Non imos permitir que sigan gobernando coma se fosen reis doutra época”, conclúe o concelleiro.

⚙ Configurar cookies
0.083378076553345