O PSdeG-PSOE de Ourense acelera a preparación das municipais de 2027 cunha reunión na comarca de Trives-Caldelas

O PSdeG-PSOE de Ourense continúa co seu percorrido pola provincia para preparar as eleccións municipais de maio de 2027 e mantivo unha xuntanza de traballo na comarca de Trives-Caldelas co foco posto na confección das candidaturas locais.
Na reunión participou unha delegación da Executiva Provincial encabezada polo secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, xunto co secretario de organización, Antonio González Fiuza, e a secretaria de política municipal, Susana Rodríguez Estévez. Segundo trasladou o partido, no encontro estiveron presentes representantes de municipios como Manzaneda, Parada de Sil, Castro Caldelas e San Xoán de Río.
Desde o PSdeG-PSOE aseguran que estas reunións comarcais están a servir para reactivar agrupacións, “coñecer de primeira man as necesidades de cada territorio” e perfilar as listas coas que aspiran a “lograr o cambio” na provincia. Os socialistas defenden que teñen un proxecto “concello a concello e comarca a comarca” e poñen como exemplo o traballo diario das alcaldesas e alcaldes socialistas na mellora da calidade de vida da veciñanza.
No ámbito provincial, a formación insiste en que Ourense precisa “un impulso” e volve reivindicar o Plan Cooperou na Deputación como un dos piares do seu discurso de reparto “xusto e equitativo” de fondos públicos, fronte ao que cualifican de anos de “desleixo” e “políticas clientelares” do Partido Popular.
En clave estratéxica, o PSdeG-PSOE sinala que a comarca de Trives-Caldelas é “clave” porque escolle un único deputado para a Deputación e fixa como obxectivo superar ao PP en votos para obter ese representante. O partido apunta tamén ás súas metas municipais na zona: manter e reforzar as alcaldías de Castro Caldelas, A Pobra de Trives, Manzaneda e Parada de Sil, medrar en San Xoán de Río e buscar presenza en concellos como Montederramo, A Teixeira, Vilariño de Conso ou Chandrexa de Queixa.