O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “total apoio” ao alcalde de Manzaneda trala moción de censura

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Acusan ao PP de intentar romper con 20 anos sen gobernar a nivel local “apoiándose en tránsfugas e en contra da vontade do pobo que deu o seu apoio maioritario en 2023 ao PSOE”
amable-fernandez
Amable Fernández
27 Oct 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “total apoio” ao alcalde de Manzaneda, Amable Fernández Basalo, ante a moción de censura que impulsa o Partido Popular no municipio. Desde a formación socialista critican que o PP recorra a tránsfugas “en contra da vontade do pobo” que, nas eleccións municipais de 2023, deu a maioría absoluta ao PSOE.

O rexedor, sinalan, “foi elixido pola maioría absoluta da veciñanza” e, tras dous mandatos consecutivos, “converteu Manzaneda nun concello de referencia na provincia, referencia que agora o PP e os tránsfugas queren tirar por terra”. A moción de censura, prevista para este mércores 29 de outubro, conta coa participación de dous concelleiros tránsfugas, que foran inicialmente electos baixo as siglas do PSOE. Os socialistas afirman que estes concelleiros “referendados e apoiados polo partido, votados polos cidadáns e que agora de xeito unilateral e en conivencia co PP enganan aos seus votantes e compañeiros e traizoan o partido impulsando esta moción de censura”.

O PSdeG-PSOE pide a Antonio Núñez e Miguel Domínguez que, por “dignidade, civismo e respecto aos veciños e veciñas de Manzaneda”, renuncien aos seus cargos e entreguen as actas, permitindo que outros membros das listas asuman os postos e eviten levar adiante esta moción que consideran “antinatura”.

A formación socialista tamén amosa a súa “perplexidade” ante o respaldo do PP provincial e do seu presidente, Luís Menor, a unha moción que definen como “ilexítima” e apoiada en tránsfugas “en contra da vontade do pobo”. Acusan ao líder popular de continuar “na mesma liña do baltarismo, promovendo mocións de censura con tránsfugas, e actuando coas vellas prácticas caciquís e clientelares do PP, co único fin de acadar alcaldías a toda costa e comprando vontades en contra do votado pola veciñanza”.

“Estamos ante unha moción de censura na que o PP, unha vez máis, perverte a democracia e incumpre a vontade do pobo e o que decidiron democraticamente as urnas, cunha maioría absolutísima de votos ao PSdeG-PSOE e ao alcalde, Amable Fernández Basalo”, destacan os socialistas, que esixen ao presidente da Deputación, ao PP de Manzaneda e aos tránsfugas que “se retracten de forma inmediata, por respecto á veciñanza de Manzaneda, que apoia de xeito notorio e maioritariamente a Amable e ao PSdeG-PSOE”.

Nas eleccións municipais de 2023, lembran, o PSOE obtivo maioría absoluta con 5 concelleiros, mentres que o PP acadou os peores resultados da súa historia no municipio, con só dous concelleiros. “As urnas deixaron unha mensaxe clara por parte da cidadanía, na que se manifestaba que non apoiaban ao candidato do PP”, subliñan desde o partido.

Por iso, dende o PSOE de Manzaneda consideran a moción “anómala e antinatura” e cuestionan se o PP pretende “romper con 20 anos sen gobernar a nivel local”. Acusan aos populares de actuar cun candidato “que a veciñanza non respalda” e co apoio de tránsfugas aos que non se sabe que recompensas lles ofrecerían por avalar esta iniciativa. “Estamos ante o modus operandi habitual do PP nesta provincia, indo en contra do sentir maioritario da cidadanía, co único fin de velar por eles e non pola xente”, engaden.

Por último, os socialistas ourensáns solicitan a Menor que “compareza de urxencia” e aclare se apoia este tipo de actuacións, nas que se pretende empregar as actas de dous tránsfugas para entregar a alcaldía a un partido que só conseguiu dous concelleiros nas eleccións municipais do 2023.

⚙ Configurar cookies
0.070045232772827