O PSdeG-PSOE de Ourense celebra en Celanova unha xornada sobre inmigración coa presenza de Luc André Diouf

O PSdeG-PSOE de Ourense organiza este sábado, 25 de outubro, unha nova xornada de debate en Celanova baixo o lema “Falemos de inmigración”, que contará coa participación de Luc André Diouf, secretario de Políticas de Migración e Refuxio do PSOE e deputado no Congreso dos Deputados. O encontro celebrarase a partir das 19:00 horas no Hotel Celanova e estará aberto ao público.
Durante o acto tratarase a situación actual da migración en España e exporanse as políticas impulsadas polo PSOE desde o Goberno neste eido. Ademais, procurarase “desmentir os bulos e mentiras da ultradereita”, co obxectivo de ofrecer unha visión real e contrastada do fenómeno migratorio.
Luc André Diouf, que viviu en primeira persoa as dificultades de emigrar, chega a Ourense para compartir a súa experiencia vital e reflexionar sobre os retos da integración. Nas súas intervencións adoita lembrar que “acabei vivindo nas rúas de Gran Canaria durante 45 días”, unha vivencia que marcou o seu compromiso posterior coa defensa dos dereitos das persoas migrantes.
Diouf, nacido en Senegal, é o primeiro político senegalés da historia de España e conta cunha ampla traxectoria no ámbito sindical e social. Antes da súa chegada ao Congreso, traballou como técnico e asesor de inmigración, coordinador de centros de información para traballadores estranxeiros e secretario de Inmigración de CCOO en Canarias. Tamén formou parte do Foro Canario de Inmigración e do Consello Asesor de Cooperación do Goberno de Canarias.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense subliñan a importancia deste tipo de encontros nunha provincia marcada pola súa propia historia migratoria. En palabras dos organizadores, a xornada pretende “concienciar á cidadanía e promover unha reflexión construtiva sobre a migración nunha sociedade cada vez máis diversa”.