O PSdeG-PSOE de Ourense celebra o compromiso do Goberno central coa provincia

OurenseXa
Os representantes socialistas lembraron que, dende 2018, os investimentos na conservación e mantemento de estradas de titularidade nacional da provincia superou os 113 millóns de euros
Rafael Rodríguez Villarino e Marga Martín
14 Nov 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense valorou como un avance significativo a licitación, por 17,6 millóns de euros, das obras de rehabilitación do firme da A-52 entre os quilómetros 138 e 176. Segundo indicou a formación, a intervención mellorará a seguridade e a durabilidade dunha infraestrutura esencial para as comunicacións na provincia.

A deputada Marga Martín Rodríguez e o senador Rafael Rodríguez Villarino destacaron que “estamos ante unha actuación moi necesaria, nunha autovía que empregan a diario milleiros de persoas, tanto da provincia, como doutras partes do territorio nacional”. Ambos subliñaron igualmente que este investimento “amosa a importancia que ten para o Goberno a A-52, unha vía de alta capacidade clave para a mobilidade, o transporte de mercadorías e persoas e a cohesión territorial do noroeste peninsular”.

Os representantes socialistas lembraron que, dende 2018, os investimentos na conservación e mantemento de estradas de titularidade nacional da provincia superou os 113 millóns de euros, e insistiron en que estes fondos “remataron con anos de desleixo durante os mandatos do PP, onde se abandonaron por completo as infraestruturas e non se investiron os cartos axeitados para a mellora das mesmas”.

As actuacións previstas cubrirán 38 quilómetros da A-52 ao seu paso por A Gudiña, Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei e Cualedro. Os traballos inclúen a eliminación parcial do firme deteriorado, a aplicación dunha nova capa de tres centímetros para reforzar a estrutura e a selada da superficie actual, co obxectivo de prolongar a vida útil da calzada. Segundo o PSdeG-PSOE, esta intervención completarase con outras realizadas nos últimos anos, ata abarcar a totalidade do tramo da autovía en territorio ourensán.

⚙ Configurar cookies
0.070743083953857