O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou o seu primeiro Comité Provincial de 2026

OurenseXa
Os socialistas fixeron balance do traballo desenvolvido nos primeiros meses do ano e daas reunións mantidas nas distintas comarcas
comite-provincial-psoe-ourense
31 Mar 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este luns o seu primeiro Comité Provincial de 2026, unha cita na que a formación fixo balance do traballo desenvolvido nos primeiros meses do ano e das múltiples reunións mantidas por toda a provincia. O encontro, celebrado na sede provincial, serviu tamén para avanzar na preparación das candidaturas de cara ás eleccións municipais de 2027.

Durante a xuntanza, a dirección provincial destacou o intenso labor levado a cabo nas distintas comarcas, onde se mantivo un contacto continuo cos cargos orgánicos e políticos. Segundo sinalaron, estas reunións resultaron “moi construtivas e produtivas”, xa que “permítennos coñecer de primeira man as necesidades en cada comarca e municipio e escoitar aos nosos cargos orgánicos e políticos”.

A organización puxo en valor a importancia de manter presenza no territorio e de escoitar á militancia para fortalecer o partido e definir unha estratexia adaptada a cada concello. Neste contexto, o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, subliñou que a formación “leva meses traballando arreo para confeccionar as candidaturas máis sólidas, fiables e que saian a gañar as elección do 27”, incidindo tamén na vontade de reforzar a estrutura local con equipos preparados para acadar bos resultados.

No plano político, as e os socialistas reivindicaron o seu papel como forza próxima á cidadanía. “Somos o partido que está a carón da cidadanía, que loita e reivindica uns servizos públicos dignos e de calidade, o que traballa para mellorar a calidade de vida da veciñanza e o que reclama en cada concello o que lle pertence”, sinalou Vila. Fronte a isto, criticaron o modelo do PP, ao que acusan de xerar desigualdades e abandonar o territorio.

Vila tamén asegurou que a formación representa “a única alternativa posible para mudar a provincia e rematar con décadas de desleixo e abandono”, ao tempo que puxo en valor logros recentes como a recuperación de frecuencias do AVE na Gudiña tras xestións a distintos niveis institucionais.

De cara ao futuro, o PSdeG-PSOE de Ourense reafirmou que o seu proxecto municipal aposta por políticas progresistas orientadas a fixar poboación, especialmente no rural. Entre as súas prioridades figuran o acceso á vivenda, a mellora das infraestruturas, a defensa dos servizos públicos, o impulso ao emprego local e o apoio ao comercio de proximidade. Ademais, tamén propoñen reforzar os servizos sociais, facilitar a conciliación, avanzar na igualdade e promover unha transición ecolóxica adaptada a cada territorio.

Finalmente, desde a Executiva Provincial insistiron na “necesidade” de impulsar un cambio político en numerosos concellos, defendendo que o seu proxecto “permitirá abrir unha nova etapa baseada na transparencia, na proximidade e na eficacia na xestión pública”. O proceso de elaboración das candidaturas, remarcaron, estase a realizar “concello a concello, escoitando aos nosos cargos e á militancia”, co obxectivo de conformar equipos “fortes, sólidos e capaces de dar resposta aos retos de futuro”.

0.13232183456421