O PSdeG-PSOE de Ourense esixe a recuperación inmediata de frecuencias ferroviarias na Gudiña

OurenseXa
O secretario provincial socialista, Álvaro Vila, acompañou na mobilización cidadá convocada pola Plataforma Dereito ao Tren xunto con alcaldes e representantes socialistas das comarcas afectadas
manifestacion-tren-a-gudiña
3 Aug 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense sumouse este sábado á manifestación convocada pola Plataforma Dereito ao Tren na Gudiña, que reuniu a milleiros de persoas na defensa dun servizo ferroviario digno para o oriente da provincia. A mobilización, que percorreu o traxecto entre a Estación Vella e a nova estación Porta de Galicia, contou coa presenza do secretario provincial socialista, Álvaro Vila, así como de numerosos alcaldes e representantes da formación nas comarcas afectadas polos recortes de frecuencias.

Álvaro Vila destacou o éxito da convocatoria e sinalou que "a cidadanía do rural ourensán pronunciouse alto e claro" e pediu que a súa mensaxe sexa escoitada polas administracións. Segundo afirmou, o PSdeG-PSOE acudiu "non como partido, senón como veciños que defenden o futuro das súas comarcas", apoiando as demandas da plataforma convocante.

Durante a manifestación, reclamouse a recuperación inmediata de frecuencias ferroviarias e a adecuación dos horarios da estación Porta de Galicia ás necesidades reais da poboación. Para o PSdeG-PSOE, estas reivindicacións responden a cuestións prácticas como poder desprazarse a Madrid e volver no mesmo día, asistir a citas médicas ou facilitar os desprazamentos dos estudantes.

Tamén participaron na mobilización representantes socialistas de concellos como Verín, Laza, Riós, A Mezquita, Viana do Bolo, Petín, Vilamartín ou O Barco de Valdeorras, así como cargos electos en Galicia e nas Cortes. A nivel galego, asistiu tamén a secretaria de organización do PSdeG-PSOE, Lara Méndez.

O secretario provincial advertiu das consecuencias que a falta dun servizo ferroviario axeitado pode ter para o rural ourensán, desde o illamento territorial ata o impacto económico para moitas familias. Subliñou que “non se piden privilexios, senón conexións útiles que garantan a igualdade de acceso aos servizos”.

A manifestación deixou patente un amplo respaldo social ás demandas da Plataforma Dereito ao Tren, consolidándose como unha das maiores mobilizacións recentes na provincia en defensa dos servizos públicos no rural.

0.10889601707458