O PSdeG-PSOE de Ourense inicia a constitución de coordinadoras comarcais de cara ao 2027

O PSdeG-PSOE de Ourense iniciou unha serie de encontros por distintas comarcas da provincia para crear coordinadoras locais co obxectivo de “reforzar o partido no territorio e comezar a traballar coa vista posta nos comicios electorais de 2027”.
Na última reunión, celebrada en Bande, constituíuse a coordinadora comarcal da zona, que estará presidida por José Manuel Fernández Cuquejo, concelleiro socialista en Calvos de Randín. Ao encontro asistiron representantes de varios municipios como Bande, Lobios, Muíños, Entrimo e Lobeira, así como membros da Executiva Provincial, entre eles Álvaro Vila Araújo, secretario provincial; Antonio González Fiuza, secretario de organización; e Susana Rodríguez Estévez, secretaria de política municipal.
As e os socialistas salientan a “importancia” destas reunións para “escoitar de primeira man as suxestións e inquedanzas dos diferentes cargos orgánicos e municipais do partido” e destacan que “é primordial escoitar a nosa xente e traballar cóbado con cóbado con eles sobre o territorio para desenvolver accións que mobilicen as bases do partido, que atraian novos militantes e que xeren espazos de diálogo e debate coa veciñanza e os axentes sociais”.
Desde a Executiva Provincial sinalan que estes encontros “serán claves para a constitución das diferentes candidaturas e a elección de candidatos e candidatas de cara aos comicios electorais que se celebrarán en maio de 2027”, co obxectivo de “formar as candidaturas máis fortes e sólidas posibles, desenvolver un proxecto socialista bisbarra a bisbarra e construír un plan de futuro para a provincia para que no 2027 se consigan os mellores resultados posibles e o maior número de alcaldías”.
En relación coa comarca de Bande e os seus arredores, o PSdeG-PSOE pretende reforzar a súa presenza nos municipios onde xa conta con representación, como Bande, Lobios, Muíños e Lobeira, ademais das alcaldías de Entrimo e Calvos de Randín. A meta é “mellorar os resultados en cada concello, aumentar o número de concelleiros nos diferentes concellos e aumentar o número de alcaldías”, destacando que o distrito xudicial de Bande, actualmente en mans do PP, podería pasar a mans do PSdeG-PSOE en 2027.