O PSdeG-PSOE de Ourense inicia o curso político co foco posto nas eleccións de 2027

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este luns unha reunión ordinaria da Comisión Executiva Provincial, na que se fixo balance do último mes e medio e se aprobou o calendario de traballo para os vindeiros meses, coincidindo co arranque do curso político.
No encontro, as e os socialistas destacaron a necesidade de “comezar a traballar intensamente no territorio, reforzando a presenza do partido nas diferentes comarcas e reforzar as agrupacións locais e comarcais, coa vista posta nos comicios electorais de 2027”.
A partir das vindeiras semanas, a Executiva Provincial ten previsto organizar diversas reunións comarcais en toda a provincia. Nelas presentaranse os novos representantes e marcaranse as liñas de traballo de cara á preparación de candidaturas locais para as eleccións municipais.
Durante a lectura do informe político, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, asegurou que “estamos preparados para formar os mellores equipos e as mellores candidaturas, na procura de acadar os resultados máis óptimos ao longo da provincia e aumentar o noso poder municipal, con novas alcaldías”.
Na mesma liña, recalcou que “imos traballar intensamente no territorio co obxectivo de conseguir un partido máis forte, activo e que recupere músculo en cada comarca e en cada concello”.
A dirección provincial tamén avanzou que nas vindeiras semanas se darán a coñecer os actos previstos en distintos puntos da provincia para reforzar a actividade política do partido neste novo curso.