O PSdeG-PSOE de Ourense organiza un acto aberto á cidadanía con motivo do 25-N

O PSdeG-PSOE de Ourense súmase aos actos e reivindicacións con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres. Este martes, a Executiva Provincial e a Executiva Local da cidade organizan un acto aberto á cidadanía que terá lugar ás 19:00 horas diante da oficina do grupo municipal socialista no concello de Ourense.
Ademais, os membros do PSOE participarán posteriormente na manifestación convocada ás 20:00 horas diante da subdelegación do Goberno.
Dende as executivas provincial e local da cidade salientan esta “é unha xornada para lembrar a tódalas mulleres asasinadas a man da violencia machista e para acompañar ás sobreviventes e as súas familias”.
O PSOE ourensán salienta que o 25N “é un día de determinación colectiva para renovar o compromiso do noso país cunha vida libre de violencia para todas as mulleres e nenas”, e destacan que fronte ao “negacionismo” e os discursos que “trivializan” a dos das mulleres, o PSOE “reitera o seu compromiso inquebrantable co avance de políticas públicas que protexan e reparen as vítimas, que impidan calquera forma de retroceso, e que garantan unha resposta integral, eficaz e especializada”.
Os socialistas insisten en que “é necesario investindo en prevención, educación, formación, atención especializada, protección institucional e xustiza con perspectiva de xénero”, e apuntan que “fronte ao retroceso, as e os socialistas posicionámonos con claridade e non permitiremos que se poña en xogo a igualdade, a liberdade, nin a seguridade das mulleres”.
Ademais, destacan traballo feito polo Goberno socialista de Pedro Sánchez ao longo destes últimos anos, e poñen en valor fitos como a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado no mes de febreiro, que amplía o número de medidas, recoñece novas formas de violencia e reforza a súa dotación orzamentaria con 1.500 millóns de euros para os próximos 5 anos. “En coherencia con este Pacto de Estado, o Goberno aprobou o anteproxecto de Lei Orgánica de medidas fronte á violencia vicaria, que por primeira vez recoñece como delito autónomo, no código penal, este tipo de violencia que se exerce contra as mulleres a través das súas fillas e fillos”, afirman as e os socialistas.
Por iso, din, cada 25 de novembro, “o PSdeG-PSOE de Ourense únese á chamada de Nacións Unidas e reafirma un compromiso que é político, pero tamén vital, para non retroceder nin un milímetro”.