O PSdeG-PSOE de Ourense ratifica aos seus novos responsables comarcais

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este martes a primeira xuntanza ordinaria do Comité Provincial tras a renovación da dirección no V Congreso Provincial. Na sesión abordouse a actualidade orgánica do partido, ratificáronse os novos responsables comarcais e aprobouse a folla de ruta da Comisión Executiva Provincial.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, aproveitou a lectura do informe político para facer balance dos primeiros meses de traballo do novo equipo. Vila puxo en valor o desenvolvemento dos procesos internos e destacou a “normalidade” coa que se celebraron as recentes asembleas, que permitiron “a constitución das agrupacións locais e da elección dos diferentes responsables comarcais”.
Con vistas aos próximos comicios municipais, Vila insistiu en que “agora é hora de traballar coa vista posta nas eleccións municipais de 2027” e subliñou que “estamos preparados para formar os mellores equipos e as mellores candidaturas para procurar os mellores resultados posibles na provincia, así como aumentar o número de alcaldías”.
Durante os meses de maio e xuño, o partido celebrou un total de 56 asembleas en agrupacións locais de toda a provincia —51 mediante asembleas ordinarias e 5 a través de xestoras—. As e os socialistas destacan unha “importante renovación orgánica”, con cambios en máis do 50% das secretarías xerais municipais. En total, 29 das persoas que asumen estas responsabilidades son novos membros.
No transcurso do Comité tamén se aprobaron as directrices de traballo para os vindeiros meses e designáronse os dez representantes do Comité Provincial na Comisión Provincial de Listas —seis elixidos nesta sesión e catro xa nomeados previamente pola Executiva Provincial—.
En canto á estrutura comarcal, confirmáronse os novos responsables territoriais do partido:
- Bande: José Manuel Fernández Cuquejo (concelleiro en Calvos de Randín)
- Trives/Caldelas: Sara Inés Vega Núñez (alcaldesa de Castro Caldelas)
- Valdeorras: Aurentino Alonso Araújo (tenente de alcalde no Barco)
- Ourense: Brian Diz González (concelleiro en Amoeiro)
- Celanova: Jesús Pereiras Vázquez (voceiro en Cartelle)
- Verín: Marina Vaz Quintillán (voceira en Riós e deputada provincial)
- Ribeiro/O Carballiño: María Luz Roo Cabo (concelleira en Maside)
- A Limia: Asunción Morgade Rúa (alcaldesa de Rairiz de Veiga)