O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica o seu papel como alternativa política para poñer fin a “décadas de desleixo e abandono do PP”

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este sábado no Carballiño o seu Comité Provincial, o máximo órgano entre congresos, para facer balance do traballo realizado durante os últimos meses e marcar a folla de ruta cara ás eleccións municipais de 2027. A dirección provincial destacou que o partido se atopa nunha fase de “fortalecemento organizativo”, tras percorrer a provincia e reunirse con responsables de cada comarca.
Durante a sesión, o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, e o secretario de organización, Antonio González Fiuza, expuxeron o resultado das reunións comarcais levadas a cabo desde maio, nas que se constituíron as coordinadoras comarcais e se analizaron as necesidades de cada municipio. As e os socialistas valoraron estes encontros como “moi construtivas”, ao consideralos claves para “coñecer a situación política de cada concello e trazar o plan de traballo para os vindeiros meses”.
Vila Araújo insistiu en que o PSdeG-PSOE afronta xa a preparación do ciclo electoral. Subliñou que o partido está “traballando para confeccionar as mellores candidaturas, buscando candidatos e candidatas naqueles concellos nos que a día de hoxe non temos representación e pondo en marcha a maquinaria a prol de conseguir os mellores resultados posibles nas eleccións municipais”.
Na súa intervención, o secretario provincial defendeu que “somos un partido que está máis vivo que nunca, que escoita as inquedanzas da xente, que percorre o territorio e que representa a única opción posible de cambio nunha provincia que precisa rematar coas políticas caciquís e clientelares do Partido Popular”. Engadiu ademais que “somos a única alternativa posible para mudar esta provincia e rematar co desleixo e abandono de décadas de goberno do PP”, reivindicando iniciativas como o Plan Coperou, do que afirmou que “é unha iniciativa socialista, que nos permitiu rematar coa política de cartos a dedo e que hoxe os concellos perciban maiores ingresos por parte da Deputación, cun reparto xusto e equitativo”.
A dirección provincial avanzou que nos vindeiros meses se iniciará unha segunda rolda de reunións comarcais para “construír un partido máis forte, apegado ao territorio, que escoite as nosas bases e que desenvolva un proxecto estratéxico comarca a comarca”. O obxectivo, sinalaron, é “conformar as candidaturas máis fortes e sólidas posibles de cara ás eleccións municipais do 27, na que imos aumentar o número de alcaldías, lograr máis maiorías absolutas, recuperar músculo aló onde se perdeu e entrar con forza en concellos nos que a día de hoxe non temos representación”.
As e os socialistas reivindicaron o seu compromiso cos servizos públicos e o equilibrio territorial. “Somos o partido da xente, o que está a carón da veciñanza, o que reivindica uns servizos públicos dignos e de calidade, o que loita contra o abandono e o que reclama en cada concello o que é seu e lle pertence”, afirmaron. Fronte a iso, acusaron ao PP de ser un partido “que crea desigualdades, que abandona o territorio e que só busca o poder a base de mocións de censura con tránsfugas”, contrapondo a esa forma de gobernar a súa aposta por “investimentos equitativos” e por atender as demandas reais da cidadanía.