O PSdeG-PSOE de Ourense remata a primeira sesión de reunións orgánicas coa vista posta nas municipais de 2027

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O partido concluíu a súa reorganización provincial coa constitución das súas sete coordinadoras: O Ribeiro, Verín, Valdeorras, Baixa Limia, Celanova, Ourense e Trives-Caldelas
psoe-o-ribeiro
4 Nov 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense pechou en Ribadavia a primeira sesión de reunións orgánicas da provincia cun encontro con representantes socialistas da comarca do Ribeiro. A cita marca o inicio do traballo do partido de cara ás eleccións municipais de 2027.

Durante a reunión, na que participaron o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiúza; e a vicesecretaria xeral, Carmen Rodríguez Dacosta, anunciouse a creación da coordinadora comarcal Ribeiro/O Carballiño, que estará presidida por María Luz Roo Cabo.

A Executiva Provincial destacou que este primeiro contacto coas agrupacións locais permitiu coñecer de primeira man as necesidades de cada municipio e comezar a definir a estratexia política para os próximos anos. “A maquinaria do partido xa está en marcha, co obxectivo de conformar as listas máis sólidas posibles e aumentar a representación municipal en 2027”, sinalaron.

O PSdeG-PSOE considera o Ribeiro unha comarca clave para o fortalecemento do proxecto socialista. Actualmente o partido goberna en Melón e Carballeda de Avia, e conta con representación en Ribadavia, Leiro, A Arnoia, Beade, Cenlle e Castrelo de Miño. O obxectivo é manter as alcaldías, sumar novas e recuperar representación en Avión.

Desde a dirección provincial subliñan a importancia de percorrer o territorio, escoitar á cidadanía e traballar xunto ás bases, fomentando a participación e o diálogo coa sociedade e cos axentes locais.

En total, o partido conta con sete coordinadoras comarcais na provincia. A andaina dos socialistas comezou na Baixa Limia, onde a coordinadora está presidida por José Manuel Fernández Cuquejo, concelleiro de Calvos de Randín, e abrangue os concellos de Bande, Calvos de Randín, Lobios, Muíños, Entrimo e Lobeira. Nesta comarca, o PSdeG-PSOE busca consolidar a súa representación, aumentar concelleiros e alcaldías e disputar o único deputado provincial do partido xudicial de Bande, actualmente en mans do PP.

A comarca de Celanova conta coa coordinación de Jesús Pereiras Vázquez, portavoz socialista en Cartelle, e comprende os municipios de Celanova, Cartelle, Pontedeva e A Merca. O partido goberna en Ramirás, cogoberna en Celanova e ten representación nos demais concellos. O obxectivo é incrementar alcaldías e concelleiros e lograr representación en Gomesende, Quintela de Leirado e A Bola.

Na comarca de Ourense, que engloba municipios como Ourense, Amoeiro, A Peroxa, Vilamarín, Barbadás, Toén, Coles, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Esgos e Allariz, a coordinación recae en Brian Diz González, concelleiro de Amoeiro. A súa misión principal é reforzar o partido municipio a municipio e preparar candidaturas competitivas para os próximos comicios.

En Trives-Caldelas, a coordinadora está encabezada pola alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez, e abrangue os municipios de Castro Caldelas, A Pobra de Trives, Parada de Sil e San Xoán de Río. O PSdeG-PSOE mantén alcaldías en A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Parada de Sil e Manzaneda, e representación en San Xoán de Río, mentres traballa para ampliar presenza en Montederramo, Chandrexa de Queixa e A Teixeira.

En Valdeorras, onde a coordinadora está dirixida polo alcalde de O Barco, Aurentino Alonso, o ámbito inclúe O Barco, Vilamartín de Valdeorras, Petín, Viana do Bolo, O Bolo, A Rúa, Rubiá, Larouco e A Veiga. O PSOE goberna en O Barco, Vilamartín, Petín e Viana do Bolo, cogoberna en O Bolo e A Rúa, e ten representación en Rubiá, Larouco e A Veiga. O obxectivo é aumentar o número de alcaldes e concelleiros e acadar presenza en Carballeda de Valdeorras e Vilariño de Conso.

Por último, en Verín, a voceira socialista en Riós e deputada provincial, Marina Vaz Quintillán, será a encargada de coordinar a comarca. Os socialistas gobernan en Castrelo do Val, Vilardevós e A Gudiña, e contan con representación en Laza, Riós e A Mezquita. O reto é ampliar o número de alcaldías e conseguir representación en Oímbra, Monterrei e Cualedro.

Desde a Executiva Provincial salientan que estas reunións son fundamentais para coñecer de primeira man as necesidades e fortalezas de cada concello, traballar cos portavoces e alcaldes, mobilizar á militancia e conformar candidaturas sólidas e competitivas de cara a 2027.

⚙ Configurar cookies
0.068619012832642