O PSdeG-PSOE fai balance positivo do seu traballo na Deputación de Ourense no ecuador do mandato

OurenseXa
O secretario provincial e voceiro socialista, Álvaro Vila, destaca que as iniciativas socialistas conseguiron “construír consensos transversais e rachar con políticas partidistas e clientelares de épocas pasadas”
psdeg-psoe-deputacion-ourense
Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense
30 Jul 2025

O Grupo Provincial Socialista fixo este martes unha valoración positiva do traballo realizado durante os dous primeiros anos de mandato na Deputación de Ourense, destacando que as súas iniciativas permitiron “construír e liderar consensos transversais de interese para toda a veciñanza desta provincia”.

Nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial, o voceiro socialista e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, subliñou que “as iniciativas presentadas polo grupo socialista permitiron rachar con políticas totalmente partidistas e clientelares de épocas pasadas, logrando avances en eidos tan diferenciados como transparencia, mobilidade, sector primario e servizos sociais”.

Segundo explicou, presentaron máis de corenta mocións que contribuíron a “transformar a axenda política provincial cunha elevada taxa de éxito na construción de consensos transversais”.

Entre os principais logros que atribúe á acción socialista, Vila destacou a paralización da privatización da recollida de lixo e a posta en marcha do plan CooperOU, que establece criterios obxectivos para o financiamento dos 91 concellos da provincia. Tamén fixo referencia aos avances cara á implantación do transporte metropolitano en Ourense e á creación do primeiro plan de vivenda provincial, dotado con 500.000 euros.

En relación á estación de montaña de Manzaneda, o voceiro destacou que “despois de anos cunha xestión opaca e deficitaria onde esta casa tiña que inxectar cartos todos os anos, hoxe estamos no camiño de reverter esa situación”. Tamén puxo en valor o impulso a políticas sociais como a creación do servizo provincial de adiccións, o plan de saúde laboral en sectores afectados pola silicose ou o protocolo contra a violencia no deporte con perspectiva de protección infantil.

De cara ao resto do mandato, Vila fixo fincapé na necesidade de ampliar o plan de vivenda, incrementar os fondos do CooperOU e continuar o traballo nas mesas abertas sobre mobilidade e Manzaneda. Ademais, reiterou o compromiso do grupo co rural e advertiu que “non se pode permitir que se siga baleirando de facultativos os centros de saúde nin que os cativos só poidan enfermar os días e horas que indican desde o Sergas que estará o pediatra”.

Finalmente, subliñou que “as mocións presentadas representan un traballo intenso e estruturado que levou ao grupo de goberno do PP a asumir boa parte delas, logrando cambios importantes desde a oposición” e que “a través das nosas iniciativas conseguimos presentar o noso proxecto de provincia, logrando grandes consensos arredor das nosas propostas que contribuíron a transformar a provincia desde a responsabilidade na oposición, demostrando que é posible facer política construtiva e de consenso mesmo desde a minoría na cámara”.

⚙ Configurar cookies
0.17672801017761