O PSdeG reafirma a súa aposta polo rural
A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia salienta que con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia “mudaremos o destino de Ourense”, facendo que a provincia recupere o “esplendor e os servizos que o PP destruíu na provincia”. A candidatura socialista participou nun encontro coa veciñanza en Parada de Sil, no que se deron cita ducias e ducias de veciños e veciñas que non quixeron perderse o proxecto que o PSdeG-PSOE propón para o municipio e para a provincia.
Carmen Rodríguez Dacosta, cabeza de lista dos e das socialistas ourensás ao Parlamento de Galicia, puxo de manifesto que o PSdeG, con Besteiro ao fronte, “ten unha aposta decidida polo rural, polo reequilibrio da Galicia interior e por darlle as oportunidades que tanto precisa aos cidadáns e cidadás da provincia de Ourense”. A candidata socialista explicou que o 18 de febreiro “xogámonos o modelo que queremos para o país e temos que ter claro que só hai unha papeleta que garante o cambio para a nosa provincia, e non é outra que a do PSdeG-PSOE”.
“Os e as socialistas solucionaremos os problemas que vive a sanidade pública, destruída e abandonada por anos de desleixo do Partido Popular de Rueda e Feijóo”, sinalou Rodríguez Dacosta. A candidata tamén aproveitou para lembrarlle á veciñanza que “por culpa do PP os vosos fillos e fillas, netos e netas, vense obrigados a marchar por mor da falla de políticas activas do PP na nosa provincia”. Unha situación que segundo afirmou “mudará o 18 de febreiro porque Besteiro e a candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense ten un proxecto para reverter a situación que vive a provincia e as súas xentes”.
Pola súa banda, o candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Xurxo Doval Blanco, puxo de exemplo o compromiso de Aquilino Domínguez e Paco Magide de “preocuparse” pola veciñanza. Unha confianza que pediu o 18 de febreiro para José Ramón Gómez Besteiro, xa que tal e como apuntou “queremos unha Xunta que saiba apreciar o recurso natural que temos aquí en Parada, do cal o PP só se lembra cando hai eleccións”.
“Nós queremos que se recoñeza esta terra como Patrimonio da Humanidade para pór en valor o que temos, pero tamén o que podemos ter”, explicou Doval Blanco. O número 5 da candidatura socialista ao Parlamento por Ourense tamén aproveitou a súa intervención para por o foco na mocidade e na vivenda. “Con Besteiro imos darlle á mocidade a posibilidade de medrar no seu territorio, xerando emprego e apoiándoos para que poidan acceder a unha vivenda digna, tendo a capacidade e a facilidade para mercar as súas propias casas, pero tamén para poder alugar sen chegar afogados a fin de mes”, finalizou.
O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, puxo o foco no problema da vivenda pública en España, Galicia e Parada, explicando que o municipio “foi quen nos últimos tempos de pór en marcha proxectos de vivenda pública con alugueiros asequibles”. Neste senso, o rexedor afirmou que “con Besteiro ao fronte da Xunta vaise dotar unha partida orzamentaria para rehabilitar vivendas baleiras e dende Parada acudiremos eses fondos para seguir ofertándolle á veciñanza vivenda a baixo prezo”.
Domínguez tamén subliñou que “namentres o PP vota en contra das subida das pensións, os e as socialistas reforzámolas e a día de hoxe os e as pensionistas cobran unha medida de máis de 300 euros con respecto a 2018, porque queremos que este sexa un dereito constitucional, que non poida cambiar ningún goberno”. Por último afirmou que “subir as pensións, ofertar máis vivenda pública, reducir os tempos de agarda sanitarios, ou que os libros de texto sexan gratuítos serán as medidas que poña en marcha o PSdeG-PSOE a partir do 18 de febreiro con Besteiro de presidente da Xunta de Galicia”.
O tenente de alcalde de Parada de Sil, Paco Magide, foi o encargado de presentar o acto e agradeceu a presenza dos candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE en Parada de Sil para trasladarlle á veciñanza o proxecto socialista que encabeza José Ramón Gómez Besteiro. “Temos a necesidade de contar cun goberno da Xunta que teña unha boa relación co Goberno central, para conseguir os investimentos que tanto precisa a nosa terra”, afirmou Magide, antes de apunta que “fronte o modelo privatizados do PP, está o modelo dun PSOE que aposta por uns servizos públicos dignos e de calidade”.