O PSdeG recalca que porá a sanidade no centro das políticas con Besteiro ao frente da Xunta

OurenseXa
Os e as socialistas tamén destacan o plan do candidato do PSdeG á presidencia da Xunta para consolidar as políticas de igualdade e contra as violencias machistas
Mitin_Psoe_Verin
Mitin do PSDeG_PSOE en Verín
16 Feb 2024

O PSdeG-PSOE sinala en Verín que da man de José Ramón Gómez Besteiro a sanidade volverá ao epicentro das políticas dende a Xunta de Galicia, para reconstruír os servizos destruídos polo PP ao longo dos últimos 14 anos. Os e as socialistas tamén destacan o plan do candidato do PSdeG á presidencia da Xunta para consolidar as políticas de igualdade e contra as violencias machistas, nun gran pacto de país co feminismo como “eixo vertebrador” e transversal do futuro goberno progresista.

Nun acto celebrado na Casa da Cultura de Verín, no que participaron a candidata ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; e o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso; os e as socialistas chamaron a mobilizarse o vindeiro domingo para mudar o goberno da Xunta de Galicia.

Carmen Rodríguez Dacosta puxo o foco na igualdade, afirmando que “o feminismo será a base do noso goberno na Xunta de Galicia, porque somos o partido que fai que a sociedade avance e que pon en marcha leis en favor da igualdade”. A candidata socialista fixo fincapé en que da man de Besteiro “impulsaremos o cuarto gran acordo de País, o acordo pola igualdade, destinando 1 % do orzamento autonómico a políticas de igualdade de forma transversal e coa ollada posta cara o 2%”.

A cabeza de lista das e dos socialistas ourensáns aproveitou a súa intervención para facer fincapé en que Verín e Ourense “precisan dun goberno autonómico co PSdeG ao fronte”. Un goberno que en palabras da candidata do PSdeG-PSOE de Ourense “recupere os servizos sanitarios destruídos polo PP e impulse a mellora de dotacións e o aumento de persoal no hospital comarcal de Verín e nos centros de saúde, para unha atención digna e de calidade á veciñanza”.

“Con Besteiro como presidente da Xunta poremos en marcha os centros de crise 24 horas para atención ás vítimas de violencia sexual, a creación dos xulgados de violencia de xénero, a incorporación da educación afectivo-sexual no ensino e camiñaremos cara a erradicación da prostitución”, afirmou Rodríguez Dacosta.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, destacou que o municipio “precisa dun goberno socialista ao fronte da Xunta de Galicia, que impulse a sanidade, o emprego e a creación dun novo parque empresarial en Verín para asentar novas empresas”. O rexedor tamén fixo fincapé en que da man do candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro “apostaremos por un reequilibrio territorial, que permita a igualdade de condicións entre a Galicia interior e a do litoral” e puxo en valor o plan de choque do candidato socialista na atención primaria “para rematar coas listas de agarda e aumentar os especialistas nos centros de saúde e no hospital comarcal”.

O subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, sinalou que “son moitos os avances que se levan dando en tódolos ámbitos para conseguir unha sociedade igualitaria” e destacou as “numerosas” accións levadas a cabo polo Goberno que encabeza Pedro Sánchez en materia de igualdade dende o 2018 como o pacto de estado Viogen, as medidas para garantir a igualdade de trato e oportunidades, a igualdade salarial, o anteproxecto da Lei de igualdade paritaria entre homes e mulleres nos órganos de dirección e toma de decisións ou a ampliación do servizo 016”.

0.20263886451721