O PSdeG reclama unha unidade integral de ictus operativa no CHUO e melloras no transporte sanitario urxente

O PSdeG-PSOE de Ourense advirte da necesidade de que a provincia dispoña dunha unidade integral de ictus plenamente operativa no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e esixe ao Sergas mellorar o transporte sanitario urxente de pacientes con sospeita de ictus.
Así o sinalaron esta mañá, durante unha rolda de prensa na sede do partido, a deputada no Parlamento galego e vicesecretaria da Executiva Provincial, Carmen Rodríguez Dacosta, e a secretaria do Grupo Local da cidade e portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Beneítez, que presentaron unha serie de iniciativas que se levarán ao Parlamento para impulsar a creación desta unidade especializada.
Os socialistas denuncian que «Ourense segue a ser a única provincia galega que non conta cunha unidade integral de ictus operativa as 24 horas do día, os 365 días do ano, o que obriga a derivar pacientes con ictus graves ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para realizarlles trombectomías mecánicas e outros procedementos de neurorradioloxía intervencionista». Ademais, advirten de que «a lóxica do transporte medicalizado de pacientes, a pesar da activación do Código Ictus, segue sen funcionar correctamente, o que provoca frecuentes atrasos nos traslados de pacientes».
Para Dacosta, unha provincia como Ourense, coa poboación máis envellecida de Galicia, «non pode seguir sen unha unidade integral de ictus operativa todos os días do ano», e lembra que «cada minuto nesta enfermidade conta para previr a morte ou as secuelas que provoquen discapacidade». A deputada tamén criticou a falta de calendario para implementar a unidade e reclamou «equidade sanitaria co resto de provincias galegas».
Ademais, lembra que no seu momento, as iniciativas presentadas polo PSOE no Parlamento, a Deputación e o Concello foron aprobadas por unanimidade, e que «o PP votou a favor no seu momento, pero non é responsable á hora de cumprir os acordos, e vemos como Rueda segue a darlles as costas a Ourense nun asunto tan crucial para a provincia máis antiga de Galicia».
Pola súa banda, a portavoz socialista en Ourense sinalou que o seu partido leva «máis de 5 anos traballando neste impulso económico definitivo para que Ourense conte con esta unidade integral para a atención a pacientes con ictus» e engadiu que «a pesar das iniciativas presentadas no Concello, na Deputación Provincial e no Parlamento, que xeraron unidade, seguimos a esperar a implementación deste servizo».
González insiste en que «se a Xunta e o PP non inclúen unha partida económica nos orzamentos de 2026, impulsaremos unha emenda para que esta unidade lograda no pasado se faga realidade», e reclamou que Ourense deixe de ser «a gran esquecida de Galicia en materia sanitaria», lembrando que «para nós, a sanidade pública e universal é un dereito innegociable e seguiremos a traballar para lograr melloras».
Por todo iso, os socialistas pedirán no Parlamento que a unidade integral de ictus conte con todos os recursos humanos e materiais necesarios, funcione as 24 horas do día, estea integrada no Plan Galego de Atención ao Ictus e dispoña de coordinación con transporte sanitario, atención primaria e o resto dos hospitais do Sergas. Ademais, propoñen a presentación de informes anuais sobre actividade e resultados, así como o impulso de programas de formación, docencia e investigación en colaboración con universidades e entidades científicas para consolidar un centro de referencia en atención neurolóxica e prevención do ictus.