O PSdeG solicita o apoio da oposición para "limitar as extralimitacións do alcalde"
Logo de coñecer que a Xustiza lle outorgou a razón á portavoz do PSdeG, ante a demanda presentada contra o alcalde polo que consideraba un ataque aos seus dereitos fundamentais e políticos durante unha sesión plenaria extraordinaria do mes de outubro, o grupo municipal socialista vén de propoñer ao resto da oposición unha modificación do Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello de Ourense (ROF).
O obxectivo principal é, segundo explicaron en rolda de prensa ante os medios de comunicación, actualizar un documento do ano 2005 que semella “desfasado” e rematar cos “soliloquios” do rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, antes, durante e despois de cada intervención dos edís da oposición. “O xeito de xestionar, tanto o Concello como os plenos, vulnera xa non só os dereitos fundamentais e a participación política dos e das edís, senón que dana a
imaxe da institución”, expuxo a edil do PSdeG, María Fernández Ojea.
Neste senso, explicou que o Regulamento é un documento que recolle todos os aspectos que afectan directamente á Administración pública. “Introduciuse, por exemplo, a través da Xunta de Voceiros, unha redución das quendas de intervención para que os plenos fosen máis curtos, e non durasen 12 horas, ou o número de mocións que podían presentar os grupos da oposición, mais todo iso non forma parte do ROF. E débense introducir cambios substanciais porque consideramos que os soliloquios de Jácome antes, mediante e despois de cada un e unha dos edís da oposición non están contemplados no Regulamento Orgánico”, argumentou sobre algunhas das propostas que sería preciso incorporar ao texto.
Todo elo tendo en conta e respectando que o rexedor “é o Presidente das sesións plenarias e ten as competencias para poder xestionalas” pero remarcando que “non o está a facer do xeito correcto”. Ademais, as e os socialistas perseguen introducir cambios no que atinxe á linguaxe inclusiva e non sexista ou unha revisión en canto á normalización lingüística e emprego do galego. “Ou outros aspectos de perfil máis político e que xa existen noutras cidades, como Vigo ou Madrid, como pode ser unha oficina de vixilancia á contratación”, continuou afirmando.
“Nós prometimos hai un ano que fariamos todo o que estivera nas nosas mans para fiscalizar o labor que desenvolve o executivo municipal. E á marxe doutras opcións, como posibles mocións de censura, as situacións complexas de carácter político requiren de solucións políticas e entendemos que unha delas sería a modificación do ROF”, argumentou a socialista sobre a iniciativa que entenden corresponde tomar agora.
Para sacar adiante estes cambios, as e os socialistas necesitan o apoio dos grupos da oposición e amósanse abertos ao que queiran ou estimen oportuno achegar. “Pódese facer dende o impulso da oposición porque a normativa contempla que aquelas materias afectadas directamente polo pleno non teñen que pasar por competencia da Xunta de Goberno Local e consideramos que, se existe un acordo para a modificación deste documento, podería levarse a cabo”, rematou concisa.
Así as cousas, dende o PSdeG lembraron a importancia de “limitar as extralimitacións do alcalde de Ourense”, rematar, na medida do posible, cos “insultos e difamacións”, introducir novos “mecanismos de fiscalización ao goberno municipal” e recoller novas modificacións lexislativas no relativo á “administración electrónica” ou aos aspectos antes mencionados.
A iniciativa xorde despois da sentenza que ditamina que se produciu unha “flagrante vulneración dos dereitos fundamentais” durante o funcionamento do pleno trala denuncia presentada pola portavoz do grupo municipal socialista. “Buscabamos o amparo da Xustiza ante o que considerabamos un atentado contra a Democracia e o bo funcionamento do pleno, que é o órgano de participación onde estamos todos os representantes do pobo, independentemente das súas cores políticas”, salientou Natalia González Benéitez ante os e as xornalistas.
“A sentenza é contundente en canto á actitude e a forma de proceder do actual alcalde de Ourense e para nós foi unha nova moi positiva porque responde á nosa reivindicación a prol dos dereitos dos concelleiros e concelleiras da oposición nesta Corporación municipal”, rematou valorando a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.