O PSdeG vota en contra dos Orzamentos de 2025 en Ourense e acusa ao bipartito de “cinismo”

OurenseXa
O rexeitamento do grupo socialista baséase na “ausencia de planificación” e na “débeda histórica” do executivo coa cidade
natalia-gonzalez
21 Jul 2025

A portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez, fixo pública, durante o pleno extraordinario celebrado para debater os Orzamentos de 2025, a postura contraria do seu grupo ás contas propostas polo goberno local. O rexeitamento baséase, segundo explicou, na “ausencia de planificación” e na “débeda histórica” do executivo coa cidade e co seu persoal público.

“Levamos case 6 anos sen un orzamento en vigor. Case 6 anos nos que gobernou DO en solitario, mais tamén en bipartito co PP. Bipartito que hoxe se consuma novamente”, lamentou González Benéitez, sinalando que, malia o esforzo do funcionariado municipal, o documento económico chega tarde e con deficiencias estruturais.

A socialista advertiu tamén que, previsiblemente, o goberno local acabará xestionando outro ano máis “a golpe de modificacións de crédito”, como xa vén sendo habitual durante o mandato de Gonzalo Pérez Jácome.

En relación ao contido do orzamento, González puxo en dúbida que vaia supoñer melloras reais para a cidadanía. Apuntou directamente ás dificultades para abonar os salarios do persoal municipal como proba do mal estado das contas locais: “Un Concello que non é quen de pagar o salario dos seus propios empregados e empregadas públicas –ás que lles adebeda parte das súas nóminas– pouco poderá facer pola amplitude da cidade”.

Durante a súa intervención, detallou as 26 emendas presentadas polo PSdeG ao documento orzamentario, nas que propoñían unha redistribución de partidas con máis investimento en áreas como Benestar Social, Igualdade, Termalismo ou Cultura. “Nós non bloqueamos, presentamos alternativas perfectamente viables ás que se lles pasa o rodillo automáticamente”, afirmou, lamentando a falta de diálogo real por parte do goberno.

A crítica tamén se dirixiu ao Partido Popular, ao que acusou de estar máis preocupado por apoiar a Jácome que por responder ás necesidades reais da veciñanza: “Agora están moi interesados no termalismo, tamén os e as edís do PP, pero deixárono esmorecer entre todos nos últimos anos”. Ironizou ademais sobre o papel dos populares afirmando que, se ben son “útiles”, non o son para a cidade, senón para “Gonzalo Pérez Jácome”.

Outro dos puntos que centrou a súa crítica foi a modificación de crédito destinada a aumentar fondos en Servizos Sociais. González lembrou que, segundo a propia concelleira da área, “había eivas en política social e logo corrixiu eivas por premisas. Efectivamente, son eivas”, destacou, lamentando que se sigan facendo “apaños” en lugar de prever estas necesidades nos orzamentos.

“Non é normal que no Concello de Ourense que despois de 5 anos haxa entidades do terceiro sector, para as que todas estamos de acordo en que se incrementen as contías dos seus convenios, que leven 3 anos sen percibir o que lles corresponde para desenvolver e planificar o seu imprescindible labor”, denunciou, engadindo que a situación das emerxencias sociais é tamén “un mal recorrente” con partidas que se esgotan a metade de ano.

Para rematar, acusou ao PP de “cinismo” por pactar co equipo de goberno sen comprometerse coas prioridades máis urxentes da cidade. “Nós non nos esconderemos cando non se cumpran todos aqueles compromisos que demandan as veciñas e os veciños e que vostedes pactaron a sabendas do que vai acontecer. Nós seguiremos traballando polo ben común”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16602087020874