O PSOE censura a "nula xestión do Goberno de Jácome en materia de termalismo e turismo

OurenseXa
Así, explican que nos últimos 5 anos de Goberno de Jácome, "desapareceron por completo as concellerías de turismo e termalismo do Concello de Ourense"
Executiva_psoe_Ourense
22 Aug 2024

O Grupo Municipal Socialista censura a "nula xestión do Goberno de Jácome en materia de termalismo e turismo en Ourense", segundo explica Natalia González, quen afirma que “o gran bluf para o termalismo en Ourense chámase Gonzalo Pérez Jácome”.

Así, explican que nos últimos 5 anos de Goberno de Jácome, "desapareceron por completo as concellerías de turismo e termalismo do Concello de Ourense, as políticas de impulso institucional ao proxecto termal nin están nin se lle esperan, as zonas de baño e dotacións públicas en funcionamento, e a disposición da veciñanza e dos e das turistas quedaron reducidas case á metade. A única proposta en materia turística que puxo sobre a mesa Jácome en 5 anos foi trasladar a oficina municipal de turismo á Casa do Concello, feito que afortunadamente non chegou a producirse. Neste período estival e dende hai xa uns meses o coñecido tren turístico das termas deixou de funcionar e segue sen renovarse a flota", denuncian.

A voceira socialista considera que “o desastre termal deste período provocou que a día de hoxe contemos cun 40 % de pozas públicas valeiras e sen funcionamento, coa piscina termal das Burgas pechada ‘sine die’, pendente de informes ‘ad hoc’ para ‘vestir o santo’ da súa futura privatización ou coa fonte do Tinteiro vítima dunha chapuza de obras".

No último pleno ordinario de agosto, dende o Grupo Municipal Socialista propúxose no apartado de rogos e preguntas coñecer se existiría algún tipo de colaboración por parte do actual goberno coa organización e celebración da feira internacional Termatalia e se ía participar ou non o Concelllo de Ourense, dando cumprimento a unha iniciativa plenaria socialista aprobada, na Mesa Termal promovida pola Deputación Provincial de Ourense.

As respostas por escrito recibidas esta semana confirman "a falta de vontade política e o desinterese total e absoluto de Pérez Jácome: non participarán novamente en Termatalia e non estarán presentes na Mesa Termal da Deputación, ao entender segundo eles que só serve para dar resposta ás demandas de concellos de menos de 20.000 habitantes", critican os socialistas.

Por iso, concllúen que "a nula xestión do goberno de Jácome en materia de termalismo e turismo en Ourense non admite lugar a dúbidas. Os e as socialistas seguiremos a traballar a prol de que Ourense sexa nun futuro próximo e dunha vez por todas a Capital Termal de Galicia".

0.16309404373169