O PSOE critica a improvisación do alcalde na contratación de bombeiros tras a vaga de lumes

OurenseXa
O grupo municipal denuncia que Jácome emula a Rueda anunciando prazas despois de que os incendios arrasasen máis de 90.000 hectáreas e resalta o compromiso dos profesionais, non recoñecido polo goberno local
natalia-gonzalez
Natalia González
30 Aug 2025

O Grupo Municipal Socialista de Ourense criticou este venres a convocatoria de 14 prazas de bombeiro-condutor publicada no taboleiro do Concello tras semanas de incendios que arrasaron máis de 90.000 hectáreas. As socialistas sinalan que esta medida chega tarde e resáltase como un exemplo máis da improvisación do goberno de Gonzalo Pérez Jácome, comparándoo co anuncio feito recentemente polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a contratación de 300 novas prazas de bombeiros forestais.

Natalia González, voceira socialista, subliña que “o que se necesita non son anuncios a destempo, senón planificación, estabilidade laboral e servizos profesionais fortes e ben dotados, con menos improvisación e propaganda”. Ademais, denuncia que o alcalde utiliza os incendios para obter rédito político sen valorar o traballo dos profesionais que sufriron en primeira persoa as carencias do Concello. “Unha vez máis chegamos tarde: os reforzos anuncíanse cando Ourense xa ardeu, cando as veciñas e veciños padeceron o lume e cando os profesionais tiveron que cubrir as carencias dun goberno incapaz de previr e planificar con seriedade”, engade.

O grupo municipal socialista quere tamén poñer en valor o esforzo e a dedicación dos bombeiros municipais, que acudiron aos incendios de xeito voluntario e, en moitos casos, en condicións precarias. “Fixérono incluso gastando do seu propio peto en combustible, garantindo sempre que o parque de bombeiros de Ourense quedase cuberto. Non aceptamos que o alcalde manipule a súa entrega nin que intente colgarse medallas a costa do traballo e do sacrificio dos bombeiros, cando é incapaz de pagarlles o que lles debe en nóminas, horas extra e sentenzas xudiciais pendentes”, concluíu González.

⚙ Configurar cookies
0.18545413017273