O PSOE cuestiona a “inacción” do INORDE fronte á crise dos incendios

OurenseXa
Critican ademais a “falta de transparencia” do organismo, cuxo último informe de actividades publicado data de 2022
psdeg-psoe-deputacion-ourense
19 Sep 2025

O Grupo Provincial Socialista interpela á Deputación de Ourense sobre a actuación do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) tras os graves incendios forestais que afectaron á provincia durante o verán. A deputada Susana Rodríguez rexistrou unha pregunta para resposta oral no pleno do 26 de setembro, na que denuncia a "preocupante desconexión coa realidade crítica da provincia" dun organismo que xestiona máis de 2,8 millóns de euros anuais e que “mantén un perfil baixo de actividades, coma se nada tivese ocorrido”.

"Mentres os nosos concellos loitan por recuperarse dos fondos impactos dos lumes, o INORDE desenvolve iniciativas como a posta en marcha dunha mesa local do comercio, a organización de marchas cicloturistas e a declaración da Ribeira Sacra como capital do pincho e da tapa", afirmou Rodríguez. Segundo a deputada, estas accións "poden resultar pertinentes en circunstancias normais pero evidencian unha preocupante desconexión coa realidade" da provincia. Rodríguez engade que o ente, que depende nun 70 % das achegas da Deputación, debería “mobilizar todos os seus recursos e capacidades para contribuír á recuperación económica das zonas afectadas".

Os socialistas critican ademais a falta de transparencia do INORDE, cuxo último informe de actividades publicado data de 2022. "Esta situación denota unha clara falta de transparencia na rendición de contas sobre o uso dos recursos públicos destinados ao organismo", subliña Rodríguez, quen reclama coñecer o destino concreto dos fondos e a eficacia real das actuacións do instituto no contexto da recuperación postincendio.

O Grupo Provincial Socialista lembra que en outubro de 2024 presentou unha moción aprobada polo pleno que instaba á disolución do INORDE como entidade autónoma e á súa integración na propia Deputación. A moción sinalaba que o organismo "non representa máis que unha extensión da corporación provincial, un servizo redobrado que se solapa coa acción doutros departamentos sen achegar valor engadido real ao desenvolvemento económico provincial".

A pesar da aprobación desta iniciativa, o INORDE segue funcionando "como se tal cousa, sen que se teñan adoptado medidas para dar cumprimento ao acordado polo pleno da corporación". Rodríguez sostén que os incendios do verán "pon de manifesto de xeito aínda máis claro a ineficacia e inadecuación dunha estrutura organizativa obsoleta que consume importantes recursos públicos sen xerar os resultados esperados pola cidadanía ourensá". A deputada recalca que, nun momento no que a provincia necesita "unha resposta institucional coordinada, áxil e eficaz para afrontar os retos da recuperación económica, o mantemento de estruturas paralelas e redundantes representa un luxo que non nos podemos permitir".

⚙ Configurar cookies
0.11672496795654