O PSOE de Barbadás propón restrinxir o tráfico na Rúa do Ensino e melloras nas piscinas municipais

O PSdeG-PSOE de Barbadás rexistrou dúas mocións para o seu debate no pleno do vindeiro luns nas que formula, por unha banda, a creación dunha contorna escolar sen tráfico na Rúa do Ensino e, por outra, a execución de melloras nas instalacións das piscinas municipais e na súa contorna.
As concelleiras socialistas cualifican estas propostas como “construtivas”, enfocadas en dar continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos, e subliñan que foron “clave” para que o municipio avanzase e lograse importantes investimentos.
A iniciativa relativa á Rúa do Ensino propón iniciar unha fase piloto para declarar esta vía como contorna escolar protexida, con restricións específicas ao tráfico e prioridade peonil sinalizada. O obxectivo é avanzar cara a un modelo de rúa escolar sen coches, limitando o acceso a servizos de emerxencia, vehículos autorizados, servizos públicos e residentes, ademais de transformar a rúa nunha plataforma única que elimine a diferenza de altura entre calzada e beirarrúa. A moción tamén contempla a adopción de medidas de seguridade complementarias e o desenvolvemento de actuacións de urbanismo táctico.
A concelleira socialista Marga Pérez Fernández defende que a seguridade viaria e a protección da infancia “deben constituír unha prioridade esencial na planificación urbana e na xestión do espazo público, especialmente, nas contornas escolares”. Segundo explica, as contornas con tráfico intenso “incrementan o risco de accidentes, a contaminación atmosférica e acústica, e xeran situacións de perigo nas horas de entrada e saída nos centros educativos”.
A edil destaca que nesta rúa se concentran varios equipamentos públicos, entre eles o CEIP Filomena Dato, con preto de 300 escolares, unha escola infantil municipal con 90 menores, un centro de reunión de persoas maiores, a escola municipal de música, o banco solidario e a oficina da Policía Local. Ao seu xuízo, esta concentración de servizos “converte esta zona nun punto de alta vulnerabilidade peonil” en determinadas franxas horarias.
“Dende hai varios anos o goberno socialista, moi concienciado coa mobilidade segura no camiño aos colexios, programou diferentes actividades en cada curso escolar, sempre co afán de trasladar ás familias e á sociedade unha mensaxe clara sobre os beneficios de acudir camiñando aos centros de ensino e sobre a importancia de reducir o uso innecesario do coche”, sostén Pérez, quen engade que “temos que seguir traballando neste senso e por este motivo presentamos esta moción en positivo, para que Barbadás siga avanzando en materia de seguridade viaria”.
Nunha segunda moción, o grupo socialista formula melloras nas piscinas municipais, entre elas o mantemento xeral do céspede e a recuperación de zonas deterioradas, a substitución das depuradoras por outras de maior potencia, a adaptación das instalacións para persoas con mobilidade reducida mediante a instalación dunha cadeira específica, a revisión da instalación eléctrica e a colocación dunha varanda de seguridade nunha das escaleiras de acceso.
A concelleira Noemí Pintos Fondevila sinala que unha piscina municipal debe “proporcionar un espazo público de lecer, que fomente a saúde física e mental e que facilite a cohesión social e de recreo para a toda a veciñanza” e recoñece que a instalación presenta necesidades e carencias. Lembra ademais que o grupo socialista “sempre incluíu na súa folla de ruta a ampliación das piscinas públicas” e apunta que o seu desenvolvemento require modificar o planeamento urbanístico e contar co financiamento doutras administracións.
“Solicitamos ao grupo de goberno que continúe con esta liña de traballo para converter Barbadás nun lugar atractivo para a veciñanza e para as persoas visitantes, que beneficien tamén ao comercio local e ao sector da hostalaría porque o obxectivo debe ser o de ofrecer un abono de espazos públicos de calidade”, conclúe Pintos.