O PSOE de Ourense critica a retirada de bombeiros durante a vaga de incendios e denuncia a “pésima xestión” do foco de Trevinca

O PSdeG-PSOE de Ourense cualifica como “totalmente inadmisible” e unha “falta de respecto” a decisión do goberno galego de retirar varios bombeiros da primeira liña durante a actual vaga de incendios na provincia. As e os socialistas denunciaron que esta medida “foi tomada con nocturnidade e aleivosía” e subliñan que “ninguén se explica como se poden retirar medios da provincia de Ourense cando o martes a noite había 7 incendios activos no noso territorio, 3 deles de grandes dimensións”.
Segundo o PSdeG-PSOE, en Ourense “precísanse todas as mans posibles para axudar a rematar coa gravísima situación que estamos a vivir, ningún profesional na loita contra o lume é prescindible”. O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, engadiu que “namentres Rueda e o Partido Popular pedíanlle a bombeiros que volvesen as súas casas, o líder dos populares reclamáballe ao Goberno central máis medios na loita contra o lume”.
O socialista destacou tamén que “Rueda e a conselleira de Medio Rural tiveron que dar marcha atrás ante a presión popular e os comunicados de diferentes corpos de bombeiros, que non entendían esta decisión”. Vila engadiu que isto “é un exemplo de que o presidente da Xunta e a conselleira de Medio Rural toman decisións sen medir as consecuencias, amosando a súa nula capacidade de xestión e só a presión popular é capaz de facer que recúen e se dean de conta dos seus erros”.
O PSdeG-PSOE de Ourense sinala que, unha vez controlada a situación, “esixiremos todas as responsabilidades políticas que sexan necesarias, comezando por pedir a dimisión ou cese da conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez e de todas aquelas persoas que non estiveron a altura nesta crise”.
As e os socialistas tamén reprochan a “pésima” xestión do incendio de Trevinca, que entrou na provincia desde Zamora. Consideran “inadmisible” que durante varios días este lume non figurase nos rexistros oficiais da Xunta, mentres avanzaba descontrolado. Destacan que “foi un insulto que a Xunta falara nos seus primeiros informes de 20 hectáreas queimadas, cando xa se superaban as 3.000 e puntos de gran valor ambiental, como a Lagoa da Serpe ou o Teixadal de Casaio, eran pasto das chamas”.
O PSdeG-PSOE esíxelle ao goberno galego “actualice os datos sobre as hectáreas arrasadas na provincia, que non oculte incendios activos e que faga un balance completo da gravísima traxedia que estamos a padecer”. Tal como subliñan, “as diferencias entre os datos da Xunta e os que ofrece Copernicus, o programa de observación da terra da Unión Europea, son abismais”, polo que reclaman “rigor e información clara e veraz nas súas comunicacións”.