O PSOE de Ourense critica as declaracións da deputada popular Ana Vázquez sobre a UME e a traxedia da DANA

O PSdeG-PSOE de Ourense fixo público hoxe un comunicado no que censura as recentes declaracións da deputada do Partido Popular Ana Vázquez Blanco sobre a mobilización da Unidade Militar de Emerxencias (UME) tras o brote de peste porcina africana en Cataluña. A parlamentaria comparara a actuación do corpo coa traxedia provocada pola DANA en Valencia, asegurando que "chegou antes por 14 xabarís mortos que polas 229 persoas falecidas na DANA".
O secretario provincial socialista, Álvaro Vila, cualificou estas palabras como unha mostra máis do que considera un comportamento reiterado por parte da deputada. Segundo o responsable do PSdeG-PSOE, "estamos diante doutra nova saída de ton dunha deputada que ten un historial reiterado de afirmacións inapropiadas, insultos e comportamentos que deberían avergonzar ao PP". Vila sostén que estas polémicas non son casos illados e asegura que converten a Vázquez nun "perfil tóxico" dentro da política estatal.
O socialista tamén situou as declaracións da deputada no contexto da xestión da catástrofe en Valencia, responsabilizando ao goberno autonómico do PP. Segundo afirmou, "resulta especialmente grave que Vázquez pretenda utilizar a traxedia de Valencia para facer oposición partidista cando foi precisamente a neglixencia do Partido Popular valenciano, con Carlos Mazón á fronte, a que acabou provocando que a catástrofe alcanzase as dimensións que todos coñecemos". Engadiu ademais que "mentres o presidente estaba de sobremesa en El Ventorro, a UME xa se estaba posicionándose no terreo desde as 15:41 horas do día da DANA e ás 17:00 xa estaban rescatando aos damnificados".+
No seu comunicado, o PSdeG-PSOE reclama ao Partido Popular de Ourense que adopte unha postura pública sobre estas declaracións. Vila pediu á dirección provincial que condene a utilización da UME e das vítimas da DANA nun debate político, calificándoa de "oposición irresponsable".
O secretario provincial insistiu en que "non se pode consentir que unha deputada ourensá, que debería representar con dignidade á nosa provincia, se dedique a facer política do máis baixo nivel utilizando as traxedias humanas como arma de confrontación partidista". Para Vila, o PP ourensán debe decidir se apoia ou non estas manifestacións. "Ou condena estas manifestacións e desmárcase da súa deputada, ou convértese en cómplice deste tipo de comportamentos que non fan máis que deteriorar a calidade da nosa democracia", sentenciou.