O PSOE de Ourense denuncia a paralización da Mesa Provincial de Incendios

O Grupo Provincial Socialista mostra a súa preocupación ante a suspensión das reunións previstas para esta semana da Mesa Provincial de Incendios. Catro meses despois de presentar un documento con 40 propostas concretas para mellorar a xestión fronte aos incendios, denuncian que a Deputación de Ourense segue sen adoptar medidas efectivas.
O voceiro Álvaro Vila lembra que “tras o inferno vivido en agosto, cando arderon decenas de miles de hectáreas na provincia, a demora institucional resulta incompresible e preocupante para un territorio que segue dependendo de que o tempo sexa benévolo”.
O PSdeG-PSOE entregou á Deputación o 30 de outubro de 2025 un documento detallado, resultado dun traballo con expertos e afectados, que incluía propostas técnicas e adaptadas ás competencias provinciais. Porén, as reunións foron canceladas coa excusa de que “antes de nada, un técnico debe elaborar unha síntese das propostas presentadas”. Vila sinala que “esta xustificación resulta incompresible cando o PSdeG-PSOE xa entregou un documento perfectamente estruturado desde outubro, mentres a Deputación non fixo nada durante todo este tempo”.
Ademais, os socialistas critican a metodoloxía adoptada pola Deputación, que “renunciou ao debate directo entre actores e limitouse a recoller propostas illadas”, o que, na súa opinión, “evidencia unha falta de liderado preocupante”.
Coa chegada do verán e o aumento do risco de incendios, Vila insiste en que “o verán xa está aquí e a provincia segue dependendo de que o tempo sexa benévolo”. Por iso, esixe que a Deputación “deixe de acumular atrasos inxustificados, deixe de especular e actúe xa”.
O Grupo Provincial Socialista reclama que se convoque urxentemente unha sesión de traballo real para debater e executar medidas concretas, e subliña que “a responsabilidade da Deputación é actuar xa, porque o lume non espera nin entende de dilacións administrativas”.