PP e PSOE esixen a paralización da modificación do Plan de Estabilización dos traballadores do Concello de Ourense
Os grupos municipais do PP e do PSOE no Concello de Ourense veñen de anunciar nun comunicado conxunto que solicitan a convocatoria urxente da Xunta de Voceiros "ante a grave situación motivada polas decisións do rexedor en materia de persoal" e esixen a paralización da modificación das bases do Plan de Estabilización dos traballadores e traballadoras municipais, así como "a axeitada planificación e organización do corpo de Policía Local e os seus efectivos para garantir a seguridade cidadá en Ourense".
"Consideramos imprescindible unha vez máis a negociación sindical e política para levar adiante acordos en materia económica e de persoal deste goberno en minoría. O Concello non pode funcionar en base a arroutadas ou filias e fobias de Gonzalo Pérez Jácome, que onte, sen ir máis lonxe deixou a cidade cun só policía local e non é capaz de preguntarse, antes de tomar decisións, que pasaría se houbese varios incidentes ao mesmo tempo?", denuncian. Todas estas decisións, din, terán consecuencias legais e repercusións económicas para as arcas públicas e para a veciñanza de Ourense.
O rexedor, advierten, "pretende alterar as bases do Plan de Estabilización co rexeitamento de todos os sindicatos e partidos políticos pervertindo o proceso, vulnerando dereitos laboráis". Ademáis, explican que "habilitar máis de 20 millóns de euros para o pago de débedas contraídas, sen soporte xurídico, esixe explicacións por parte do alcalde e un consenso cos grupos políticos.
Tanto desde o PP como desde o PSOE son contundentes neste sentido, e aseguran que "ante un goberno incapaz de xestionar esta cidade é hora de non ceder ás chantaxes e esixir transparencia e claridade".
"Non poden estar vulnerando dereitos laborais, e menosprezando aos actores sociais, ao tempo que piden apoio para habilitar crédito para pagar débedas disfrazado de investimentos", polo que celebrada comisión de Pleno esta mañá, tanto a voceira socialista como a voceira popular solicitaron a retirada da orde do día dos asuntos económicos incluidos, para que poidan ser avaliados polo miudo e consensuados antes de ser sometidos a votación. A proposta de retirada foi ratificada pola maioría.
"Entendemos que é fundamental priorizar as políticas que afectan ás persoas antes de habilitar máis crédito en festexos, cando a partida xa superou un 200% o seu crédito inicial e coñecer as débedas acumuladas en obras xa executadas, como as últimas realizadas no centro da cidade, Ramón Cabanillas ou Bedoya, os elementos de mobilidade vertical e os servizos que están a prestar en precario", din.
"Queremos que se poña enriba da mesa a situación económica municipal e as necesidades reais do Concello para poder habilitar crédito nas áreas e nas partidas que son esenciais para o desenvolvemento da cidade, non para novas orquestras e contratos menores a amigos e coñecidos".