O PSOE na Deputación reclama liberar ao rural ourensán da carga económica que asumen os concellos pola ABAU

OurenseXa
Sinalan que o esforzo dos concellos rurais permite que moitos estudantes fagan estas probas preto da súa residencia, “pero non poden ser os pequenos quen paguen o prezo”
grupo-provincial-socialista
Grupo Provincial Socialista de Ourense
23 May 2025

O Grupo Provincial Socialista levará ao debate do vindeiro pleno da Deputación de Ourense unha iniciativa para refutar os gastos asociados á organización das probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) nos concellos rurais. A moción foi presentada hoxe preto do IES Cosme López Rodríguez da Rúa, sede desde hai algúns anos xa das probas da ABAU para alumnado de Valdeorras, Viana, Trives e mesmo de Quiroga, en Lugo.

“Ao contrario do que ocorre nas cidades que acollen estas probas, aquí existe a peculiaridade de que os concellos afectados temos que sufragar os gastos derivados da presenza do tribunal avaliador”, denunciou o deputado provincial Aurentino Alonso, coordinador socialista na comarca de Valdeorras, quen estivo acompañado de deputadas e deputados provinciais do PSdeG-PSOE, entre eles o seu secretario provincial, Álvaro Vila, así como representantes locais do partido no Concello da Rúa e na comarca de Valdeorras.

“Tal situación representa unha clara inxustiza, unha discriminación, xa que soamente tres territorios de Galicia debemos asumir estes custos, sendo estes Viveiro, Cee e a nosa propia comarca, Valdeorras”, subliñou Alonso. Os gastos inclúen conceptos como “xestión, coordinación e materiais” e “custos por convocatoria”, que neste exercicio superan os 21.000 euros. Este monto debe ser aboado de xeito alícuota polos concellos concernidos ao remate das probas de xullo ou, como moito, antes de outubro, representando un esforzo económico importante para municipios pequenos con orzamentos limitados.

A prol da equidade territorial

O deputado socialista destacou o esforzo solidario dos concellos rurais, que permiten que moitos estudantes poidan facer as probas preto do seu lugar de residencia, evitando desprazamentos longos e onerosos. “Pero esta solidariedade non pode ir acompañada dunha carga económica desproporcionada e non podemos deixar que sexan os pequenos quen paguen un prezo que outras administracións deberían asumir”, afirmou Alonso, insistindo en que “canto máis alonxados e apartados estamos dos grandes centros, máis discriminados somos”.

A moción do PSdeG-PSOE levarase ao pleno da Deputación de Ourense do vindeiro 30 de maio cos obxectivos claros de solicitar á CIUG a retirada inmediata destes gastos por consideralos inxustificados, instando á corporación provincial a mediar entre os concellos afectados e a Xunta de Galicia para atopar solucións sostibles, ao tempo que manifesta o seu apoio institucional aos concellos do oriente ourensán na súa defensa dunha educación pública, accesible e equitativa.

“A realidade socioeducativa no medio rural require políticas públicas sensibles e responsables, sen esquecer que os pequenos concellos son a columna vertebral da nosa provincia e deben ser protexidos”, concluíu Aurentino Alonso.

⚙ Configurar cookies
0.16884303092957