O PSOE propón crear unha rede de coidadores de barrio en Ourense para loitar contra soidade
“Ourense é coñecida por ser a Okinawa galega polas súas altas cifras en canto a esperanza de vida das persoas maiores. Pero detrás desas cifras tamén se esconde unha triste realidade en moitos casos: a soidade non desexada”, sinala a portavoz do PSdeG no Concello, Natalia González. Para tentar paliar este problema, os socialistas presentarán unha iniciativa, no pleno ordinario de outubro, que insta ao goberno local a planificar e poñer en marcha, dotándoa dos recursos precisos, unha rede de coidadores e coidadoras de barrio.
Se se atende aos datos do INE (Instituto Nacional de Estatística) agroma unha cifra que radiografía a nosa sociedade: a meirande parte das persoas maiores de 65 anos son mulleres (aproximadamente o 70%). Outro dos organismos que realiza un seguemento desta situación, o Observatorio Estatal da Soidade Non Desexada, estima que 1 de cada 5 persoas padecen este fenómeno no noso país. E que entre as maiores de 65 anos a prevalencia aumenta nas cidades, tal e como se expón no texto da moción.
Nesta situación, as e os edís do PSdeG queren poñer enriba da mesa a urxencia de mecanismos para combater este mal endémico. “O feito de que o 25% da poboación ourensá teña 65 anos explica moi ben a nosa idiosincrasia, pero tamén nos describe que permitamos medrar o problema da soidade non desexada mirando cara outro lado”, advirten na iniciativa rexistrada para a que agardan obter o respaldo do resto dos grupos.
“Queren seguir vivindo con independencia e calidade de vida pero requiren, en moitísimos casos, axuda no seu día a día para ir a revisións ou citas médicas, ir á farmacia ou ao supermercado”, exemplifica a voceira do grupo municipal socialista sobre alguhas das tarefas ás que poderían contribuir as e os coidadores.
Ademais, segundo recolle a iniciativa, a rede de coidadores e coidadoras de barrio podería impulsar a incorporación ao mercado laboral e que as persoas se convirtan en axentes activos do seu propio proceso de empregabilidade. “As persoas contratadas deben pertencer aos colectivos en situación de risco de exclusión social con especiais dificultades para acceder a un posto de traballo”, explica o texto.
“O obxectivo principal é ofrecerlle a posibilidade ás e aos maiores de transitar a última etapa da súa vida coa maior autonomía e independencia”, remata a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.