O radar de Rabo de Galo comeza a funcionar pese ás queixas dos veciños

OurenseXa
Dende a Asociación Veciñal Rabo de Galo veñen tempo advertindo de que a medida non é suficiente e esixen un radar de tramo
rabo-de-galo-google-maps
Rabo de Galo, imaxe de Google Maps
26 Feb 2025

O radar de Rabo de Galo, en la N-525, entrou en funcionamento esta semana. A partir de agora, os condutores que circulen a máis de 80 km/h serán multados, logo de rematar o período de avisos.

A instalación e posta en funcionamento deste radar foi anunciada a finais do ano pasado pese ás críticas dos veciños e veciñas de Rabo de Galo, que levaban xa tempo pedindo un radar de tramo para evitar posibles accidentes neste punto, crítico para os residentes nesta vila. En declaracións a este medio, a presidenta da Asociación Veciñal Rabo de Galo, Lorinda Fernández, expresaba o seu total rexeitamento a esta medida: “Non nos parece ben. De feito, estamos totalmente en desacordo. Pensamos que a medida ten un afán recadatorio, pero non soluciona nada. A nós non nos resolve o problema. O radar está tan abaixo que os coches seguen pasando a velocidades moi altas á altura de Rabo de Galo. Non é unha solución. A xente reduce a velocidade, pero só unha vez pasado o acceso”, sinalaba.

A presidenta da Asociación lembra que a petición veciñal sempre foi colocar o radar antes da curva ou un radar de tramo xa que, explica, “tal e como está colocado, o problema segue sendo o mesmo, pero ninguén ten intención de colaborar”. Denuncia que incluso se propuxo facer unha saída máis abaixo pero que “todo son escusas”. “A nós valeríanos ter unha incorporación 100 metros máis abaixo. O que queremos é unha solución porque o radar que puxeron non evita o problema, non serve para nada máis que para recadar. Pero non nos escoitan. Ao final, como fan todos os políticos, isto fíxose de costas á cidadanía, pero dálles igual. Non lles preocupa corrixir o tráfico, só recadar”.

A veciñanza de Rabo de Galo presentou xa en 2023 unha solicitude formal para poñer unha solución pero, tal e como confirmaba a propia presidenta da asociación, a resposta chegou 10 días antes de colocar o radar, a finais de 2024.

⚙ Configurar cookies
0.079567909240723